Comeza o Arde Lucus 2025 con centos de actividades para revivir o pasado castrexo e romano

LugoXa
O Arde Lvcvs contará coa participación das 19 asociacións de recreación histórica da cidade, cada unha cun campamento propio que poderá visitarse ao longo de toda a fin de semana
Arde-Lucus-entrada-Lugo
12 Jun 2025

Comeza a XXIV edición do Arde Lucus, a Festa de Interese Turístico Internacional e especial de recreación histórica que se celebra ata o 15 de xuño e que incluirá máis de 300 actividades.

O Arde Lvcvs 2025 contará coa participación das 19 asociacións de recreación histórica da cidade, cada unha cun campamento propio que poderá visitarse ao longo de toda a fin de semana. As visitas estarán abertas o veneris, de 17:00 a 20:00 horas; o satvrnii, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:30; e o dominicvm, de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas.

No Parque Rosalía de Castro instalaranse os campamentos Castra de Lvcvs Avgvsti das asociacións Civitas Lvcensis, Clan de Breogán, Lvgdvnvm, Terra Copora, Salesiani de Lvcvs Avgvsti e Tir Na N´Og. Estes espazos ofrecerán exposicións permanentes e diversas actividades ao longo dos tres días do evento, contribuíndo á ambientación romana que transforma a cidade durante esta celebración.

Fóra do recinto principal do parque, os chamados campamentos Fuera de Castra estarán repartidos por distintos puntos da cidade. Asemblearias de Lvcvs Avgvsti situarase nos Xardíns do Museo Provincial; Ara Roma e Lvcvs Icenas Miliatore compartirán localización na Praza Anxo Fernández Gómez; Caetra Lvcensivm estará na Praza de Ferrol; Cohors III Lvcensivm ocupará a Praza Maior; Kertix instalarase na Praza Pío XII; a Gvardia Pretoriana, na Praza San Marcos; Lvcvs Eqvites estará na rúa Anxo López Pérez; Pax Romana e o Senatvs Lvcvs Avgvsti compartirán espazo na Praza da Constitvción; os Mercenarios Galaicos estarán na Praza Horta do Seminario; Trebas Galaicas situaranse no Cantiño Nemesio Cobreros; e as Vestales de Lvcvs Avgvsti estarán no fondo da Praza Maior.

Durante as celebracións do Arde Lvcvs 2025 tamén haberá espazo para a cativada, coa posta en marcha do Mivdo Arde, unha programación especial dedicada á infancia que terá lugar na Praza da Soidade.

O horario do Mivdo Arde será o veneris de 16:30 a 20:30 horas, o satvrnii de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 horas, e o dominicvm de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:00 horas. Durante estas xornadas, os máis pequenos poderán participar en actividades como Lvcvs Pezatvm, Bolvs Festvm, Bola romana, Atrapa la lanza, Coronas del Coliseo, Táctica romana, Lvcha de gverreros ou Facies creativvs, que combinarán a diversión co espírito da recreación histórica.

Ademais inclúe o espectáculo de monicreques Gaela no qviere ser drvida, que se representará o satvrnii ás 18:00 horas e o dominicvm ás 12:00 horas, ofrecendo unha proposta teatral pensada para a imaxinación e o entretemento da rapazada.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DO ARDE LUCUS 2025

⚙ Configurar cookies
0.14449787139893