Comeza o asfaltado no tramo modificado na Ronda da Muralla

LugoXa
Comezan as últimas fases desta obra, que permitirá contar cun novo espazo peonil amplo na zona Muralla que non contaba con beirarrúa.
Asfaltado Ronda muralla lugo
26 Out 2021

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo, xunto co edil de Infraestruturas, Alexandre Penas e persoal municipal e da obra visitaron esta mañá o treito da Ronda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, coincidindo co comezo dos traballos de asfaltado da nova vía. “Comezan as últimas fases desta obra, que permitirá contar cun novo espazo peonil amplo na zona Muralla que non contaba con beirarrúa, e mellorar a fluidez do tráfico nesta zona”, declarou Rubén Arroxo.

Na xuntanza de hoxe contouse coa presenza de representantes da empresa concesionaria do bus urbano e taxistas para revisar que unha vez rematen as obras se garanta tanto a viabilidade da parada de taxis como a boa maniobrabilidade do bus urbano.

"Unha vez se remate esta intervención, xunto coa peonalización da Mosqueira, a veciñanza de Lugo contará coa zona sur da Muralla completamente peonalizada", destacou o Tenente Alcalde, que engadiu “os traballos contemplan tamén a renovación da Porta de Santiago, un dos puntos máis importantes da Muralla no que conflúen os tres patrimonios da humanidade cos que contamos en Lugo”.

A área de Mobilidade e Infraestruturas instalará 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás, o que mellorará a percepción visual do monumento. Ao mesmo tempo, o uso da tecnoloxía LED garantirá unha reducción do consumo eléctrico e das emisións contaminantes producidas polo concello de Lugo.

0.13854002952576