Comeza o ciclo de charlas informativas sobre a nova tarifa eléctrica

LugoXa
Deu comezo no día de onte na Casa da Cultura de Guntín o ciclo de charlas programadas para informar sobre a nova tarifa eléctrica.
luz factura bombilla
5 Ago 2021

Deu comezo no día de onte na Casa da Cultura de Guntín o ciclo de charlas programadas para informar sobre a nova tarifa eléctrica, que organiza o Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC) e que durante as vindeiras semanas recalará noutros municipios lucenses.

Esta campaña ten por obxecto facilitar aos consumidores a información necesaria para aforrar na factura da luz tendo en conta os tres períodos horarios que contempla a nova tarifa implantada polo Goberno central –val, chairo e punta–, así como resolver dúbidas relacionadas, por exemplo, coa contratación de potencia ou o novo recibo da luz.

A campaña inicia a súa andaina en Lugo nesta xornada na que o prezo da luz rexistra o seu terceiro máximo histórico, logo da escalada das últimas semanas.

Neste sentido, lamentouse que a previsión de abaratar o recibo doméstico nun 4,8%, quedara nun 2,5% tras o acordo do Consello de Ministros, e instou ao executivo do Estado a asumir as súas responsabilidades, atopar solucións e escoitar ás comunidades autónomas.

Convocatorias

O IGCC ten confirmadas neste momento na provincia oito sesións informativas nas vindeiras semanas, pero aínda poden sumarse máis concellos. Así, a próxima charla terá lugar en Cervo, o día 18 na Casa da Cultura de San Cibrao; a continuación celebraranse no concello de Triacastela, o día 19; en Sober, o día 24; na Fonsagrada, o día 25; en Quiroga o día 26; e, xa en setembro, o día 1 en Paradela, o 9 en Guitiriz e o 22 en Outeiro de Rei.

Dentro desta campaña informativa, o Instituto Galego de Consumo e da Competencia traballa tamén en novos contidos dixitais e interactivos na súa web, onde xa se pode atopar información referida á nova tarifa, e crearase tamén un apartado de preguntas e respostas, así como consellos e boas prácticas para axustar a factura.

Todos aqueles que precisen más información, poden acudir a calquera oficina que o IGCC ten repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, ou ben chamar ao teléfono gratuíto 900 23 11 23, operativo de 9 a 14 horas de luns a venres. Ademais, contan tamén cun correo electrónico no que trasladar as súas dúbidas ao organismo, así como un asistente de reclamacións. Pódese obter máis información e consellos prácticos tamén na web do Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

0.21756505966187