Comeza o ciclo Lubicán en Lugo coas actuacións de Kyr4 e Xmaseda65
O ciclo Lubicán, co que se pretende poñer en valor a música galega e en galego, bota a andar o vindeiro 28 de febreiro no auditorio de Veterinaria, coas actuación de Xmaseda65 e Kyr4. Os concertos comezarán ás 20.15 horas.
Elia Galdo (1999), máis coñecida como Kyra4 é unha artista orixinaria da Coruña. O seu estilo é, sen dúbida, o rap, un xénero co que leva en contacto toda a súa vida, pero os seus primeiros pasos foron nun grupo de rock. A súa traxectoria co rap e a música urbana formalízase definitivamente en 2020, motivada polo seu irmán pequeno. No 2021 comeza a escribir as súas propias cancións e é, en 2022 cando a artista Kyra4 empeza a profesionalizar a súa carreira coa saída de Cantándote al Oído. Ela é autodidacta neste ámbito, pero conta con formación de 4 anos no conservatorio e nas disciplinas de guitarra e canto.
Actualmente, Elia está cursando Produción de audio no SAE, instituto de Madrid. Previamente, formouse en Comunicación Audiovisual e en Artes Escénicas, unindo as súas dúas paixóns: o cine e a música. Os traballos desta artista inclúen temas como Morriña, Roto, Channel, Néctar ou Añejo. Kyr4 sorprende neste 2023 co lanzamento do seu primeiro EP Ojos Tristes que inclúe cinco cancións: Yo, Business, Sueños, ¿Dónde estás? e Sempiterno.
O teloneiro deste concerto será Xosé Maseda cuxo debut artístico tivo lugar en 2019, cun tema chamado Memorias dun adolescente. A partir diso comezou a súa carreira. O tema de maior repercusión ata a data é un dedicado ó seu avó, titulado Paparrexo, que conta con case 30.000 visitas, repercusión que o levou a dar os seus primeiros bolos.