Comeza o procedemento para declarar BIC a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

LugoXa
Este recoñecemento súmase aos tres patrimonios da humanidade que ten Lugo
Mauricio_Repetto_con_membros_do_Bispado
8 Xuño 2024

Iníciase o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural do Patrimonio Inmaterial a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, mostrou a súa satisfacción polo anuncio no DOG da incoación do expediente para poder declarar a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia como BIC. “Aínda que esta posible declaración atópase nunha fase aínda inicial, as súas implicacións para a conservación deste ritual son efectivas desde hoxe mesmo, xa que ata o fallo final por parte da Xunta, de momento, o seu nivel de protección é igual ao da declaración definitiva. Por tanto, congratulámonos do traballo levado a cabo desde o Bispado en colaboración co Concello de Lugo para lograr este obxectivo”, sinalou o edil.

Este recoñecemento súmase aos tres patrimonios da humanidade que ten Lugo e que supoñen un orgullo para toda a cidadanía. Alcanzar esta catalogación supón sobre todo preservar o futuro  dunha celebración única que leva desenvolvéndose na cidade desde 1669, pero ten máis implicacións para Lugo e para os seus veciños e veciñas. “Desde o Goberno local esperamos capitalizar este patrimonio inmaterial para profundar na nosa estratexia de consolidar ao noso municipio como un referente turístico a nivel peninsular pola súa riqueza histórica e patrimonial”, apuntou Repetto.

En febreiro de 2020, a corporación aprobou, apoiando ao Bispado, instar o Goberno autonómico a que a Ofrenda fose declarada BIC. “Catro anos despois por fin móvese ficha por parte da Xunta. Xa era hora”, explicou o concelleiro. Mostrouse moi crítico coa actitude da portavoz do Grupo Municipal Popular, que no pleno do pasado mes de maio, asegura, tentou adxudicarse todo este traballo ao presentar unha proposición neste sentido cando xa era coñecedora do acordo da corporación de 2020 e cando sabía do inminente anuncio do inicio do expediente para a catalogación da Ofrenda como BIC.

“Na sesión plenaria quedou en evidencia unha vez máis a súa estratexia política, coa que non fai máis que demostrar a súa forma de subestimar á sociedade lucense nunha actitude, canto menos, ofensiva. Se presentando un papel pensaba que ía capitalizar o traballo iniciado fai case un lustro por ambas as institucións estaba moi equivocada. É unha magoa que a primeira petición de Candia á Xunta no Concello de Lugo sexa algo xa acordado polo pleno, en vez de posicionarse nas reivindicacións de sanidade, vivenda ou educación ”, concluíu Repetto.

Pola súa parte, a voceira popular Elena Candia aclara que  o recoñecemento de BIC supón un salto cualitativo que hai que aproveitar a nivel cultural e tamén turístico xa que "ademais de aumentar o prestixio da cidade, permite acceder a axudas económicas para a súa promoción e difusión e supón un incentivo para salvagardar esta tradición".

0.13893103599548