Comeza o proceso de contratación para renovar as vías na zona da Garaballa, en Lugo
Comeza o proceso de contratación para renovar as vías públicos na zona da Garaballa, unha actuación que permitirá "mellorar os accesos ao barrio desde a avenida Infanta Elena e a vía principal do barrio, creando tamén novas beirarrúas para os peóns", indicou Rubén Arroxo. Trátase dunha actuación que, segundo explicou o Tenente Alcalde, "permitirá mellorar a seguridade viaria da zona e renovar un asfalto que en distintas zonas está deteriorado".
Xunto coa renovación do pavimento e a construción da beirarrúa, crearanse sumidoiros e sistemas para a drenaxe das augas pluviais, que se unirán ás instalacións actuais da rede, renovarase a sinalización horizontal e vertical, adaptándoa á nova distribución da rúa, e, en coordinación coas empresas de electricidade e telecomunicacións, desprazaranse os postes que obstaculizan o tránsito, para facilitar a continuidade do itinerario peonil. Os traballos, que veñen de saír a licitación, contan cun orzamento base de 71.760,53€ e un prazo de execución de 10 semanas. As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 23 de xullo.
Rubén Arroxo destacou "o esofrzo" que a Tenencia de Alcaldía realiza para atender ás distintas zonas periurbanas de Lugo, e explicou que "barrios como as Gándaras ou galegos recibiron nestes anos unha serie de investimentos importantes que melloraron enormemente a calidade de vida da veciñanza, con actuacións tanto nas rúas e beirarrúas como renovando o alumeado público". Segundo Rubén Arroxo, "seguimos traballando para actuar en todos os barrios e vías da cidade, tanto con actuacións pequenas como eliminación de baches ou renovación de treitos de beirarrúa, como actuacións integrais como a que plantexamos na Garaballa".