Comeza o proceso de licitación da pasarela do centro de saúde de San Roque
Rubén Arroxo anunciou a aprobación do inicio do proceso de licitación para construír a pasarela do centro de saúde de San Roque, no barrio de Fontiñas.
“Esta é unha solicitude que a veciñanza da zona levaba moito tempo realizando, e que desde a nosa chegada ao Goberno Municipal tratamos de dar a mellor solución posíbel”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde a área de Mobilidade estudamos as distintas alternativas para darlle solución a este obstáculo, especialmente importante na unión do Centro de Saúde coa rúa Primavera e coa rúa Peña Anda”.
Esta nova infraestrutura permitirá, segundo declarou o tenente de alcalde, “unir o centro de saúde e as rúas Primavera e Peña Anda cun percorrido practicamente plano”.
A solución plantexada pola área de Mobilidade consiste na creación dunha pasarela que una o comenzo da rampa que da acceso ao centro médico coa parte alta da escalinata Primavera, pasando por riba da entrada do carril do xuizo, segundo o estipulado na normativa vixentes sobre accesibilidade e permitindo o paso de vehículos pola parte inferior. A pasarela terá un gálibo de máis de 4 metros, o que permitirá a circulación de vehículos pola súa parte inferior. A lonxitude total será de 34,68 metros. A actuación sairá a licitación cun orzamento de 238.497,51 euros e un prazo de execución de 4 meses.
Rubén Arroxo lembrou que nos últimos meses desde a área de Mobilidade executáronse unha serie de actuacións “para mellorar a mobilidade e a accesibilidade na zona de Fontiñas”, e destacou as actuacións levadas a cabo durante o ano pasado, para mellorar o tránsito peonil e rodado polo Carril do Xuízo, colocando baldosas tipo punta de diamante, que evitan resbalóns, actuando na banda de rodadura da vía para mellorar a adherencia.