Comeza o traslado das oficinas de emprego ao edificio do barrio da Residencia
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e a xefa territorial da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, Pilar Fernández, mantiveron unha reunión cos directores das oficinas de emprego Lugo Norte e Lugo Sur para comezar a coordinar o traslado ás novas instalacións do barrio da Residencia.
Este primeiro encontro convocouse coa finalidade de abordar as cuestións relacionadas coa distribución do persoal e dos diferentes servizos que se concentrarán no novo edificio, que conta con cinco plantas: un semisoto con zonas comúns que inclúen un arquivo e unha sala de cursos e conferencias; planta baixa e outras tres plantas superiores.
Ante a previsión de que o cambio se produza proximamente, Arias apuntou que ao longo das vindeiras semanas haberá máis reunións de traballo para analizar as necesidades e organizar os servizos. Ademais dos empregados públicos da Xunta, tamén se traslada o persoal da Administración do Estado adscrito ao Servizo Público de Emprego (SEPE).
“A Xunta segue dando pasos para poñer en marcha o complexo sociosanitario que reactivará o barrio da Residencia”, afirmou Arias, quen destacou que xa está rematada a central de biomasa que atenderá as necesidades enerxéticas das novas instalacións e que proximamente está previsto que a Consellería de Sanidade traslade o Punto de Atención Continuada (PAC) de Lugo ao Centro Integral de Saúde (CIS).