Comeza unha nova campaña para impulsar o comercio de proximidade
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, presentou este venres no Pazo de San Marcos xunto co presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e o Concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Mauricio Repetto, a campaña Merca na Rúa para apoiar e incentivar as compras do comercio local na capital de Lugo durante esta época de Nadal. A iniciativa forma parte da campaña que impulsa a Deputación e a Federación Galega de Comercio en toda a provincia, á que a institución provincial achega 50.000€ e que está a ter uns grandes resultados.
Na presentación, Pablo Rivera destacou a implicación do comercio da capital con esta nova acción que arranca hoxe con 100 establecementos participantes, e que sorteará un premio de 3.000 euros. “Isto demostra que a colaboración que mantemos co pequeno comercio está a dar os seus froitos, contribuíndo a impulsar o consumo dun sector fundamental para a nosa economía, nunhas datas como son as do Nadal nas que o comercio acada en torno ao 40% de facturación das vendas de todo o ano”, sinalou.
O deputado agradeceu a colaboración do Concello por sumarse a esta acción “que mobilizará a actividade comercial na cidade nos locais que temos ao noso pé, e que tal e como vai indo a campaña será de novo un gran éxito que repercutirá dun xeito moi importante no retorno económico dos establecementos participantes”.
Pola súa parte, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, amosou a súa satisfacción pola boa acollida que está a ter a campaña por parte dos negocios e os bos resultados desde o seu inicio. No caso da capital, “o atractivo do premio espertou o interese dos establecementos de Lugo, xa que temos ao redor de 100 comercios participantes nesta campaña que xa se poden visitar e que están identificados a través dunha vistosa bandeirola”, apuntou Seijas.
Así mesmo, destacou á implicación e sensibilidade de Deputación e Concello nesta iniciativa porque, “confiamos plenamente que Merca na Rúa, animará, potenciará e dinamizará as compras no comercio local de Lugo, que nunca me canso de recordar que é o que xera vida e riqueza. Por iso, pido aos lucenses que agora e sempre aposten polo comercio de proximidade, polo comercio de Lugo, polo noso comercio”.
Un sorteo de 3.000€, regalos e actividade na rúa
A campaña Merca na Rúa arranca este 1 de decembro e desenvolverase ata o 12 con diversas actividades para fomentar as vendas do comercio local. Entre as persoas que fagan unha compra durante estes días, sortearanse 3.000€ para gastar nunha xornada de compras que se celebrará o 13 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. O premiado deberá visitar polo menos oito tendas participantes na campaña e gastar un mínimo de 100 euros en cada unha delas. O sorteo terá lugar o día 11 de decembro, ás 19:30 horas, nunha carpa que se instalará diante da fachada do Pazo de San Marcos.