Comeza unha nova fase das obras en Santo Domingo e Montevideo
Esta mañá arrincaban os traballos entre a rúa da Raíña e Armañá onde se executarán as instalacións de servizos como abastecemento, saneamento, baixa tensión e telefonía. O plan de tráfico contempla que a circulación, que será de dobre sentido, estea regulada por semáforos para garantir a seguridade viaria e o acceso a vivendas e establecementos.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este luns do inicio das obras entre a rúa da Raíña e a rúa Armañá, en Santo Domingo, correspondentes á Fase 5 dos traballos de peonalización desta praza, enmarcados no proxecto Zero: Corazón verde e que incluirán a execución das instalacións de saneamento, abastecemento, baixa tensión e telefonía no tramo comprendido entre ambas rúas.
Os traballos realizaranse en simultáneo á Fase 1 e Fase 2, na rúa do Teatro, e á Fase 3, diante de Calzedonia, para concentrar as afeccións ao tráfico e minimizar así as molestias para a cidadanía.
Como consecuencia do inicio dos labores na marxe dereita da vía entre Rúa Armañá e Rúa da Raíña –segundo sentido de avance de saída do recinto amurallado– establecerase este tramo como de dobre sentido de circulación, mantendo a entrada e saída polo mesmo carril non ocupado, pero sendo auxiliados estes movementos, en todo momento, coa disposición de semáforos sincronizados do traxecto afectado, desde Rúa Armañá cara a Praza de Santo Domingo.
Garantirase, así mesmo, (en todo momento) o tránsito peonil na zona, xa sexa pola propia beirarrúa, por itinerario alternativo adecuadamente sinalizado e accesible ou pola beirarrúa da marxe oposta, e tamén o acceso ás vivendas e aos locais comerciais, deixando espazo suficiente para que as e os peóns e usuarios circulen con seguridade.
O tempo previsto para a execución desta nova fase é de dous meses. As tarefas contemplan os traballos de demolicións, acometida de canalizacións e gabias e instalación de servizos, así como o pavimentado final.
Estas obras non afectan á configuración da propia Praza de Santo Domingo, xa que o Goberno de Lara Méndez está a espera de recibir as últimas conclusións do estudo de cargas para definir o proxecto da man da veciñanza, coa que se reunirá a rexedora tal e como comprometeu.
Estas actuacións enmárcase no plan de peonalización entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro, contemplado no proxecto ‘Zero: Corazón verde’ para a peonalización integral do Centro Histórico, para o que o Executivo de Lara Méndez acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, a través dos fondos europeos Next Generation.
Avance das obras na Rúa Montevideo
Por outra banda, este luns comezou tamén a renaturalización da rúa Montevideo coa (retirada) substitución das árbores que se atopan fronte ao IES Xoán Montes e cuxa reposición se levará a cabo con exemplares adultos de porte medio. A intervención, contemplada xa no proxecto obedece á necesidade de retirar as unidades que se atopaban enfermas e que se serán restituídas unha proporción do 100%.
En total, retiraranse 11 exemplares e plantaranse 12, quedando todos a cota cero do pavimento coa finalidade de protexer mellor as raíces e incrementar a accesibilidade da vía que será plataforma única. As novas árbores que se plantarán serán da especie Eleagnus Angustifolia o árbore do paraíso, de rápido crecemento. Ademais, ao longo da rúa instalaranse varios parterres de flores e arbustos e acondicionarase a zona verde que hai na esquina do Carril das Estantigas con Montevideo onde se plantará un Ginkgo Biloba.