Comezan as actuacións arqueolóxicas na Catedral de Lugo
Comezou a unha nova actuación arqueolóxica no claustro e no adro da Catedral de Santa María de Lugo, á que se destina 17.800 euros.
Os traballos iniciáronse esta semana e darán continuidade á intervención realizada o ano pasado no claustro para elaborar o proxecto das obras de restauración que están actualmente en proceso de adxudicación. Naquel momento leváranse a cabo tres sondaxes arqueolóxicas coa finalidade de poder avaliar o sistema construtivo do seu pavimento actual, así como a estratigrafía e potencialidade arqueolóxica baixo del.
Nos vindeiros meses a Xunta investirá 600.000 euros para poñer en valor e garantir a correcta conservación do claustro, corrixindo os danos derivados do paso do tempo e de factores ambientais. Esta é unha das intervencións previstas no Plan Catedrais que prevé desenvolver o Goberno galego no período 2021-2027.
En tanto se ultiman os trámites de adxudicación das obras, acométese unha nova fase de estudo arqueolóxico. Así, estase a realizar unha prospección xeofísica dunha superficie total duns 2.000 metros cadrados, sobre todo o claustro catedralicio e tamén o adro dianteiro da Catedral. A súa finalidade é determinar e delimitar a través da técnica do xeo-radar os posibles restos arqueolóxicos existentes no subsolo e aportar a máxima información posible para planificar con maior eficacia futuros traballos de escavación e posta en valor.
No relativo á ampliación das sondaxes no claustro, afectará a unha superficie duns 20 metros cadrados, para delimitar con claridade o muro romano localizado no ano 2020 e outros posibles restos arqueolóxicos de época romana, constatar os niveis anteriores á necrópole medieval alí existente, e delimitar e datar o muro localizado por debaixo da dela.
Documentarase o proceso e os achados, achegando unha fotogrametría xeorreferenciada de cada sondaxe, e tomaranse mostras para a súa análise. O prazo de execución dos traballos será de catro meses, incluída a redacción da memoria técnica.
Restos de diferentes épocas
As sondaxes realizadas no claustro o pasado ano constataron a clara superposición de restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas. O momento máis antigo é datado en época romana e consiste na aparición dun muro de cachotería de lousa aglutinada con argamasa de cal duns 50 cm de ancho e cunha cimentación máis ancha duns 70 cm. Esta construción muraria parece ter unha continuación en ángulo recto cara ao norte do claustro. Sobre este muro aparece un nivel de amortización e selado.
Tamén se constatou a aparición de senllos muros de cachotería de lousa duns 70 cm de ancho e que se desenvolven perpendiculares ás pandas norte e este do claustro, que pola súa feitura parecen de época medieval e que, como hipótese preliminar, podería formar parte do claustro medieval da catedral.
Tras a presencia dun horizonte de incendio, verificado na panda norte do claustro, constatouse a presencia, por riba dos anteriores muros mencionados, dunha necrópole de tumbas rectangulares de laxas de lousa, onde se ve unha clara superposición deste tipo de enterramentos, algúns dos cales conservan aínda restos de ósos humanos que foron datados no século XI-XII d.C.
A actuación tamén permitiu constatar os traballos desenvoltos durante a etapa barroca da catedral, como é o descubrimento da bancada de cimentación da sacristía, construída a finais do século XVII por Domingo de Andrade e tamén os muros de cimentación das tres pandas do claustro barroco (1705-1714). Todas estas obras romperon a secuencia estratigráfica das etapas anteriores e nas que, ademais, se observa o reaproveitamento de elementos arquitectónicos de época medieval.
Finalmente, nos niveis máis superficiais obsérvase unha colmatación da necrópole a base dun recheo revolto con predominio de tellas e bastantes restos de ósos humanos.