Comezan as demolicións do núcleo residencial da Croa, en Lugo
O Concello de Lugo segue a avanzar no procedemento para entregar ás familias que ocupan as 15 vivendas da Croa as escrituras das mesmas.
Esta tarde, a rexedora local asistiu ao inicio dos labores de derrubamento das edificacións que ocupaban os terreos, paso previo para que o Concello poida rexistrar o parcelamento dos predios antes de cederllos aos seus adxudicatarios.
“Trátase dunha decena de pequenas construcións, a maioría en estado ruinoso e deshabitadas dende hai décadas, que se manteñen no ámbito de actuación do proxecto e que resulta preciso eliminar para proceder á regularización da propiedade. A intervención terá un custo de 36.728 euros e un prazo de execución dun mes”, indicou a alcaldesa.
Méndez explicou que as obras que comezaron hoxe darán como resultado unha zona libre dunha extensión aproximada de 1.900 m², entre áreas verdes e dotacionais.
“O espazo será inmediatamente acondicionado, creando áreas de esparexemento que darán servizo á contorna e, nomeadamente, ás e aos residentes deste núcleo para o que se terán en conta tamén as súas demandas. E, debido a que o proxecto de parcelamento xa está rematado, o único que resta é aprobalo definitivamente, antes de rexistrar as novas parcelas resultantes e adxudicarllas ás súas e aos seus titulares”, afirmou a rexedora.
Lembrou que, logo da encomenda de xestión que o Consello de Administración de Evislusa aceptou en xuño de 2020 para redactar o proxecto de parcelación desta superficie municipal, se levaron a cabo, entre outras tarefas asociadas necesarias, o estudo topográfico, a validación catastral e a prospección arqueolóxica da extensión afectada, debido á súa proximidade ao xacemento do Castro de A Croa. Traballos que, no seu conxunto, supuxeron un investimento doutros 35.000 euros.
O núcleo residencial de A Croa tivo a súa orixe no ano 1992, na etapa de Goberno do PP no Concello, como un proxecto de construción de vivendas no marco dun plan para a erradicación do chabolismo. Nese ano asinouse o acordo de cooperación entre o Concello e o IGVS para sacar adiante a iniciativa e, en 1995, concedeuse a licenza de construción. No 2008, o Concello solicitou a inscrición da parcela na que se sitúan os inmobles no Rexistro da Propiedade, e tralo pulo dado ao procedemento polo Executivo de Lara Méndez, foi no ano 2016 cando se formalizou a inscrición dos mesmos no Rexistro, que este organismo remitiu á entidade local en xuño de 2017.