Comezan as obras da estrada que une A Fonsagrada con Ribeira de Piquín
Os traballos arrancaron esta semana na LU-P-1906 que une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos pasando por Vilares, e contan cun investimento da institución provincial de máis de 46.000€.
A Deputación de Lugo comezou as obras para mellorar o firme e a drenaxe na estrada provincial LU-P-1906, que comunica os concellos da Fonsagrada e de Ribeira de Piquín, cun investimento de máis de 46.000€. Este proxecto de acondicionamento contempla unha actuación nesta vía provincial, que une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos, pasando por Vilares.
Concretamente, actuarase no tramo que vai do punto quilométrico 1,544 ao 1,894. A empresa Construcciones Carballeira SL é a encargada de realizar estes traballos que comezaron esta mesma semana co corremento de terras necesario para levar a cabo as posteriores tarefas de drenaxe e a execución de cunetas rebasables formigonadas dun metro de ancho e 10 centímetros de profundidade, o que mellorará a capacidade de evacuación das augas pluviais permitindo unha maior rapidez de desaugue e aumentando a seguridade no tránsito. A actuación completarase coa pavimentación da calzada neste tramo da vía, e está previsto que finalice nas vindeiras semanas.
Esta é unha vía moi empregada pola veciñanza dos concellos de Ribeira de Piquín e A Fonsagrada, pero tamén por persoas que se achegan á zona de montaña dende A Terra Chá. Ademais, empresas forestais empregan habitualmente esta vía para transportar madeira.
A institución provincial enmarca estas actuacións na liña de traballo levada a cabo para a mellora da rede viaria provincial máis extensa de toda España, que conta con máis de 4.000 quilómetros.