Comezan as obras da nova Casa do Concello de Becerreá cunha forte oposición
O Concello de Becerreá deu comezo as obras para a construción dunha nova casa consistorial rodeada de polémica. O plan de actuación consiste na demolición dunha construción histórica da vila onde estará a nova ubicación da Casa do Concello e a súa vez a demolición da actual Casa do Concello para a construcción dunha macropraza.
Os socialistas de Becerreá criticaron “o despilfarro e as obras faraónicas” que supoñen este proxecto tras coñecer que o proxecto contará cun gasto de 1.300.000 euros. “Esta é unha receita que só se converterá nun auténtico monumento ao dispendio de cartos públicos”, denuncian.
Para a Agrupación Socialista de Becerreá, estas obras “son actuacións totalmente innecesarias e o único que levan consigo é gastar a mans cheas diñeiro público, nun capricho caro, que non ten ningún sentido e utilidade, e que ademais vai hipotecar o futuro de Becerreá”.
Os socialistas engaden que este proxecto “é un auténtico maltrato urbanístico porque derríbase a tamén coñecida como Casa de D. Manolo, o médico, cando entendemos que é o lugar idóneo para crear un museo etnolóxico e unha oficina de turismo”.
Advirten de que “facer unha macropraza en Becerreá é unha formula pouco recomendable urbanisticamente. O que pretende o alcalde con este proxecto, co ladrillo como modelo, é tapar as infinitas carencias coas que conta o Concello e as nosas parroquias, pero ningunha obra poderá tapar a súa incompetencia política e as súas dotes de mal xestor”.
O Bloque Nacionalista Galego tamén amosou a súa oposición a construción desta nova Casa do Concello. A portavoz municipal e concelleira do BNG en Becerreá, Sabela Pérez, explicou que “Becerreá precisa inversións neste momento noutros intereses, como por exemplo a promoción do polígono industrial ou impulso de servizos que fagan a vida máis doada á veciñanza; construír unha nova casa consistorial e unha praza co contexto en crise, non é o máis axeitado”
Neste senso, Sabela Pérez destacou que “o BNG xa trasladou en varias ocasións ao goberno municipal a que adicase ese orzamento, arredor de 3 millóns de euros, no impulso de políticas a favor de servizos para a veciñanza, o que si que axudaría por exemplo a frear o despoboamento”
A concelleira subliñou algunhas das medidas que propón o BNG “incentivamos con ese orzamento dotar partidas para potenciar o noso turismo, atraer empresas formulando unha liña de axudas para instalarse no polígono industrial, por en funcionamento a residencia da terceira idade contando coa especialidade de xeriatría, solucionar problemas estruturais nas aldeas, entre outras” dixo Sabela Pérez.
“Becerreá non pode asumir neste momento de incertidume económica dilapidar esa cantidade de diñeiro público por un proxecto unicamente persoal, ten que apostar por afondar nos servizos públicos e mellorar a calidade de vida” concluíu a concelleira do BNG.
O Partido Popular tamén amosa a súa firme oposición á construción desta nova Casa consistorial cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros.
O candidato á Alcaldía dos populares, José Fernández Carrete, explica que “non é de recibo pensar en levantar este novo edificio cando no municipio hai xestións que requiren máis atención”.
“Becerreá ten hoxe outras prioridades como a dinamización económica co obxectivo de fomentar o emprego e oportunidades para asentar a poboación, e non esta obra faraónica que non aporta nada ás necesidades diarias dos veciños”.
Carrete engade que “como conclusión entendemos que para eles prima máis o luxo do despacho do alcalde que a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Neste sentido, para o grupo municipal popular de Becerreá “as inversións deben facerse baixo criterios de necesidade” e consideran que “o levantamento da nova casa consistorial non responde ás prioridades dos becerrenses”.