Comezan as obras da rúa Pousadela para completar a conexión do centro coa contorna fluvial

LugoXa
Os traballos, que dispoñen dun orzamento de 118.236 €, perseguen incrementar a seguridade dos accesos entre A Cheda e a Nacional VI.
OBRAS RUA POUSADELA LUGO
26 May 2023

A mellora da Rúa Pousadela xa está en marcha. Comezaron os traballos de acondicionamento e conservación desta vía, unha actuación enmarcada na Estratexia Dusi Muramiñae para seguir avanzando na unión da trama urbana co río.

O contrato, que se outorgou á empresa Construcciones Sanle, dispón dun orzamento de 118.236 euros, cos que o se procederá a renovar a rúa Pousadela, que comunica a Rolda do Carme co barrio da Cheda e, á súa vez, coa Avenida dos Deportes ao seu paso baixo a estrada N - VI onde se construíu recentemente a pasarela peonil Tanxurela para mellorar os accesos coa contorna fluvial.

O principal obxectivo destas obras é dotar a vía dos elementos necesarios que posibilitarán o seu mellor aproveitamento e utilización, incluíndo a renovación en LED dos puntos de luz e a creación doutros novos, en clave de seguridade e perspectiva de xénero. En total, a superficie a renovar se concentra nos últimos 282 metros, é dicir, na metade sur da rúa Pousadela que, actualmente, se atopa en pavimento terrizo, típico de camiños rurais.

Deste xeito, procederase á pavimentación deste treito que se delimitou en tres seccións, segundo os traballos previstos. Por unha banda, dende o entroncamento coa Avenida dos Deportes e ata a intersección con Río Eume se executará un novo firme de formigón para regularizar o terreo coa finalidade de que peóns e vehículos convivan de forma segura e cómoda.

A maiores, no cruzamento de Pousadela con Río Masma existe outra área na que tamén se aplicará o firme de formigón para adaptala, tratando de que a superficie concorde o máximo posible en todo o ámbito. E, finalmente, o tramo de conexión da vía que une Río Eume e Río Landro e que xa está dotado con rega asfáltica será renovado debido ao deterioro que presenta ante o elevado tráfico rodado que soporta.

As obras incluirán a humanización dunha illa verde de escasas dimensións situada á beira da Tanxurela. Trátase dunha pequena área que contén unha arqueta e que, como particularidade, está afectada por unha gran pendente transversal que afea todo o enclave. Por este motivo, realizarase unha achega vexetal e a plantación dun arbusto co que, alén de mellorar a estética do emprazamento, se evitará o paso de viandantes.

Por outra banda, debido a que entre Río Eume e Río Landro se interrompe a conexión peonil, o Concello ten previsto adecuar este espazo cunha roza profunda e o perfilado dos noiros, evitando que a escorrentía poida afectar ás edificacións ao tempo que cubrirá cunha capa de canto rodado a franxa máis próxima ás vivendas para permitir a circulación de transeúntes.Tamén se contempla a creación dun pequeno treito de beirarrúa que dará servizo na zona de maior concentración residencial.

Por último, nos doce metros anteriores á intersección entre a rúa Pousadela e a Avenida dos Deportes levarase a cabo a instalación dunha fila de separadores, que irán fixados á cimentación soterrada, cos que se pretende dotar de maior protección tanto a vehículos como ás persoas fronte a saídas de vía e evitar o tránsito involuntario por un predio privado que non está adaptado a tal uso. Igualmente, daremos continuidade á rede de iluminación pública renovando a xa existente con LEDs de baixo consumo e instalando 6 novos puntos de luz que, alén de redundar no aforro enerxético, reducirán a sensación de inseguridade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20768308639526