Comezan as obras de conservación en Santa Eulalia de Bóveda

LugoXa
Estudos sobre os efectos das condicións hidráulicas, climáticas e ambientais obrigarán a restrinxir as visitas nos vindeiros meses
Santa-Eulalia-Bóveda-
4 Jan 2025

A Xunta de Galicia comeza os traballos de conservación preventiva no monumento romano de Santa Eulalia de Bóveda, en Lugo, que obrigarán a restrinxir as visitas durante os próximos meses.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que parte da actuación consiste en estudar os efectos das condicións climáticas e ambientais neste espazo, especialmente sobre as pinturas murais. Así, para minimizar a súa afectación, vaise illar o interior pechando as portas e fiestras con carpinterías de madeira de castiñeiro. Igualmente, cubrirase provisionalmente o adro cunha tela de sombra calada que servirá para comprobar a incidencia do sol nesa zona.

O proxecto inclúe tamén o estudo do funcionamento hidráulico das distintas canles do conxunto, polo que será necesario levantar o pavimento da piscina.

Co obxectivo de efectuar un control rigoroso, non se poderán realizar visitas ao monumento entre o 8 de xaneiro e o 8 de marzo. A partir dese momento, estudarase a posibilidade de concertar visitas de pequenos grupos uns días concretos ao mes.

Santa Eulalia de Bóveda conta coas declaracións de Monumento Nacional e Ben de Interese Cultural. A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste un total de 48.150 euros nesta actuación, que ten un prazo de execución dun ano.

No tocante ás tarefas de mantemento, limparase a cuberta plana e repararase a canle de aceiro inoxidable na fronte do forxado, que recolle as pingueiras de filtracións de auga; tamén se arranxará a marquesiña que protexe o arranque da bóveda do piso superior, e a cámara bufa dotarase de iluminación de mantemento e un acceso seguro.

Así mesmo, abrirase unha pequena fiestra na porta de acceso dende o camiño para permitir a visión frontal do monumento cando permaneza pechado, e mellorarase a accesibilidade á oficina de información, situada a escasos metros.

Santa Eulalia tamén formará parte da experiencia “Galiverso no corazón da pedra”, que se desenvolve no Gaiás, na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. O proxecto Galiverso utiliza tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual para ir expoñendo en distintas creacións o patrimonio material e inmaterial de Galicia; con anterioridade xa estivo incluído na proposta “O Galiverso empeza aquí”.

0.16362118721008