Comezan as obras de humanización en Paradai
O Concello de Lugo humanizará Paradai coa creación dunha nova área de descanso na confluencia das rúas Río Sil, Hórreo e Lucas Ferro Caaverio.
Este mércores comezaban os labores para executar a intervención, coa sinalización dos traballos nos que se investirán 48.373 euros.
A actuación, coa que se pretende rexenerar este barrio da capital, se concretará coa creación dun pequeno percorrido peonil circular, cunha traza en planta semellante a un oito, e disporá dun banco continuo da mesma forma. Este conxunto encerrará unha gran árbore cuxa misión será a de proxectar sombra sobre a superficie de asento. Igualmente contará con iluminación indirecta para achegar calidez nocturna ao espazo reformado.
O prazo de execución das obras será de tres meses.
Nos próximos días procederase a retirar o pavimento existente para crear unha nova zona verde e, a continuación, cimentarase a estrutura prevista co perfil específico e acometerase o muro de formigón curvado e o banco continuo que terá ao redor de 29’50 metros de lonxitude. O asento estará revestido dun laminado compacto decorativo de alta presión.
Toda a superficie exterior ao mobiliario exposto dentro da zona de actuación converterase nun manto de céspede ornamental e a área interior que pecha o muro acollerá un xardín que terá como protagonista principal unha gran árbore, ademais de dotar a parcela - de 134’22 m² - de iluminación led no perímetro do mobiliario alén de con balizas e luminarias empotrables.
Trátase dunha actuación que pretende dar resposta ás demandas veciñais que trasladaron o seu interese por dispoñer dun punto común de encontro. De maneira que, ao tempo que posibilita a socialización, axuda a mellorar, tamén, a súa imaxe dentro do conxunto da cidade atendendo, polo tanto a un triple obxectivo: urbanístico, social e de servizos que vai en consonancia co resto de accións que están levando a cabo noutros barrios da capital sempre co obxectivo de incrementar a súa habitabilidade e confort para a poboación.