Comezan as obras de mellora en estradas autonómicas de Vilalba, Rábade Begonte
Comezaron as obras de mellora do firme na estrada LU-541 ao paso polos concellos de Vilalba, Rábade e Begonte, que suporán un investimento de máis de 145.000 euros.
Estas intervencións, que contribuirán a reforzar a seguridade viaria e a mellorar as prestacións da estrada, desenvolveranse ata o vindeiro día 19 de abril.
Os traballos teñen como obxectivo a rehabilitación da capa de rodaxe nesta vía que comunica Rábade (A-6) e Vilalba (N-634).
Para iso acondicionarase o firme con formigón bituminoso nunha superficie aproximada de 12.000,00 m², entre os puntos quilométricos 0 e 17+250 da estrada autonómica, ao paso polos citados termos municipais.
Unha vez finalizadas as obras de rehabilitación do firme, procederase á reposición das marcas viarias afectadas.
Para a execución destes traballos habilítanse carrís alternativos de circulación e sinalización provisional de desvíos, cando é necesario.
A actuación acométese no marco do contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da zona norte de Lugo. De xeito máis concreto, forma parte da planificación da campaña de rehabilitación de firmes prevista para este ano.