Comezan as obras de mellora na estrada de Mesón Novo a Ventorrillo, na Fonsagrada
A institución provincial destina preto de 300.000€ para a mellora da drenaxe, pavimentación con aglomerado e sinalización nuns traballos que afectan aos primeiros catro quilómetros da vía e tamén ao treito que vai do punto 6,073 ao 6,822.
A Deputación de Lugo comezou os traballos de mellora do firme da estrada provincial LU-P-1911 na Fonsagrada, de Mesón Novo a Chao de Vaga, polo Ventorrillo. Estas actuacións contan cun orzamento de preto de 300.000€ e son realizados pola empresa Desarrollos y Metas S.L.
A rehabilitación desta vía, que se levará a cabo nun prazo máximo de dous meses, consiste na limpeza dos laterais, a drenaxe, a pavimentación con aglomerado en quente e a sinalización horizontal, melloras que permitirán un aumento da seguridade para os usuarios da vía. As melloras, que xa se están levando a cabo, afectan ao tramo inicial ata o quilómetro 4,345 e do punto quilométrico 6,073 ao 6,822.
A institución provincial xa levou a cabo unha actuación recentemente en máis de cinco quilómetros da vía cun investimento de 200.000€. Nesa ocasión foron renovados os treitos entre o punto quilométrico 7,540 e 9,500 e do 11,500 ao 14,310.
Esta estrada dá servizo a numerosos veciños e veciñas da zona, que conta cun gran número de explotacións gandeiras, e tamén a un importante número de visitantes, pois a vía dá acceso a varias casa de turismo rural que funcionan na contorna.