Comezan as obras de mellora na estrada LU-P-4902 ao seu paso por Portomarín

LugoXa
A actuación, cun investimento de 315.000 euros por parte da Deputación de Lugo, mellorará a seguridade viaria nunha das vías máis transitadas do municipio
estrada-LU-P-4902-Portomarín
22 May 2025

Comezan os traballos de mellora na estrada provincial LU-P-4902, que conecta o Alto do Valiño con Valdeporrás a través de Vilaxuste, no Concello de Portomarín. O prazo de execución previsto é de 2 meses e medio dende o inicio das obras.

Esta actuación supón un investimento de 315.000 euros por parte da Deputación de Lugo e mellorará a seguridade e comodidade da veciñanza e das persoas usuarias da vía.

As obras, que xa comezaron coa reapertura de cunetas, levaranse a cabo en dous treitos: o primeiro quilómetro da vía e o comprendido entre os puntos quilométricos 4,100 e 11,315.

Os traballos inclúen a pavimentación con aglomerado en quente, a sinalización horizontal e o pintado con marcas reflexivas brancas, mellorando así a visibilidade e a seguridade viaria.

Trátase dunha actuación relevante porque a LU-P-4902 do Alto do Valiño é unha das estradas máis transitadas de Portomarín, atravesando o concello dun extremo a outro e conectando o núcleo urbano con parroquias grandes como Recelle e Vilaxuste.

Ademais, funciona como vía de saída cara á estrada nacional N-540, que une Lugo e Ourense, converténdose nun eixo vertebrador das comunicacións; e é unha das máis utilizadas por persoas peregrinas e visitantes ao longo de todo o ano, dado que Portomarín é un referente no Camiño de Santiago.

Con esta actuación, a Deputación non só mellora as comunicacións no municipio, senón que reforza as infraestruturas dun dos principais destinos turísticos da provincia e da ruta xacobea.

⚙ Configurar cookies
0.1698579788208