Comezan as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda en Monterroso

LugoXa
O obxectivo é mellorar as infraestruturas e poñer en valor este espazo público tan frecuentado polos veciños e visitantes
obras-área-recreativa-da-Peneda-Monterroso
6 Feb 2025

Xa están en marcha as obras de rehabilitación da área recreativa da Peneda do municipio de Monterroso, que inclúen a rehabilitación da cafetería, a instalación dunha pérgola ao seu lado e melloras no acceso á área recreativa.

O obxectivo é mellorar as infraestruturas e poñer en valor este espazo público tan frecuentado polos veciños e visitantes.

O proxecto conta cun orzamento total de 233.744,96 euros. A Xunta de Galicia cofinancia un 70 % das actuacións, achegando  163.642 euros, ademais de ser a encargada de contratar e executar as obras.

O Concello de Monterroso completará o financiamento cun 30 % do orzamento, uns 70.132,96 euros e comprométese á recepción, mantemento e conservación das melloras que pasarán a formar parte do patrimonio público municipal.

A previsión é que as obras estén rematadas para o mes de maio deste ano, permitindo que a área recreativa da Peneda poida ser gozada na súa totalidade por veciños e turistas durante a temporada estival.

Esta intervención enmárcase no Plan Hurbe, unha iniciativa promovida polo Goberno galego para apoiar ás administracións locais no financiamento de diversas intervencións urbanísticas que melloren os espazos públicos.

⚙ Configurar cookies
0.18092393875122