Comezan as obras de reparación do Auditorio de Magoi
A alcaldesa Lara Méndez e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, visitaron hoxe o novo Auditorio para coñecer da man da empresa adxudicataria das obras, cal será a planificación dos traballos de subsanación das deficiencias coas que foi entregado.
Labores que permitirán ao Concello, unha vez finalizados, poder abrir a dotación cultural nas debidas condicións de seguridade para o público e que terán un custo para as arcas municipais de 287.955 €.
Deste xeito, a alcaldesa puido ver como xa se levaron a cabo os selados iniciais que precisa o inmoble, tarefas que tiveron que adiarse debido ás condicións meterolóxicas destes días e que continuarán pola impermeabilización dos patios da cuberta onde resulta máis urxente actuar.
“Precisamente na realización destes primeiros traballos os operarios detectaron a existencia de novos vicios ocultos da edificación, como por exemplo nos devanditos patios e mesmo tamén filtracións de auga na porta de entrada, dos que pasaremos a deixar constancia por escrito nos informes municipais para, posteriormente, reclamarlle o importe á Xunta”, engadiu.
“Non estamos dispostos a que os e as lucenses teñan que pagar dúas veces por esta dotación. Primeiro, eximindo ao Sergas do IBI dos centros sanitarios como contraprestación á instalación do equipamento e, agora, sufragando o seu arranxo porque deixaron caducar as garantías sen as correspondentes comprobacións”, sostivo Méndez.
Pola súa banda, a tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, recordou tamén que, entre as intervencións a realizar e para as que a empresa adxudicataria disporá dun prazo de catro meses, abranguerán tanto as patoloxías estruturais exteriores como as interiores que afectan ao inmoble – múltiples danos ocasionados pola humidade que están a afectar ás fachadas, estruturas, carpintería, revestimentos interiores e pavimentos, etc - e que veñen derivadas de defectos construtivos e da falta de mantemento, por parte da Xunta de Galicia, desde que finalizou a execución do inmoble, en 2016, ata que foi entregado á Administración local.
As actuacións comprenden, así mesmo, a impermeabilización dos respiradoiros e o desatasco dos sumidoiros, canlóns e baixantes; se atallará a corrosión derivada das eivas que presentan as xuntas de dilatación e se arranxarán, entre outros, as comportas de saídas de fumes que provocan goteiras nos escenarios.
A este respecto, o Executivo local, lembrou que xa durante o acto de recepción, o Concello intentou entregar ao ente autonómico os informes dos técnicos municipais onde xa daban conta dalgúns dos fallos advertidos nas dúas únicas visitas que lles deixaron realizar previamente e sen que, en ningunha desas ocasións, puidesen probar o funcionamento dos equipamentos. Documentos que non quixo recibir pero que se lle fixeron chegar igualmente facéndoos coñecedores da situación.
A Administración local iniciou entonces un proceso de avaliación das condicións nas que se atopaba a infraestrutura co fin de que a súa apertura non supuxera ningún risco para as persoas usuarias e traballadoras, ao tempo que puxo a punto as instalacións eléctricas, de climatización, ascensores, sistemas de seguridade contra incendios, intrusión ou ventilación.
Logo dos estudos realizados, nos que se cuantificaron máis de 200 danos, determinouse a necesidade de subsanar todas estas carencias para evitar, nun futuro, que tanto as lesións como a envergadura das reparacións se incrementara.
Finalmente, a edil de Gobernanza aclarou que, como xa fora anunciado, quedarán para unha segunda fase os traballos correspondentes á urbanización exterior do Auditorio, dentro dos que se inclúen máis aló do axardinamento da parcela – que xa estaba previsto – a modificación dos accesos para mellorar a accesibilidade ao inmoble enriquecendo os espazos con áreas estanciais dun alto valor paisaxístico para incrementar a funcionalidade cultural das instalacións e permitir un maior aproveitamento para concertos ou festivais ao aire libre.