Comezan as obras do coliving no barrio do Carme

LugoXa
As obras do primeiro coliving artístico municipal de España xa deron comezo.
28 Dec 2022

As obras do primeiro coliving artístico municipal de España xa deron comezo. Este espazo pretende “promover o talento e a industria cultural da cidade e potenciar, como unha experiencia turística innovadora, o Camiño Primitivo así como crear un novo espazo ao aire libre para o desenvolvemento de actuacións culturais, que permitirá poñer aínda máis en valor o emblemático barrio do Carme” segundo declarou a alcaldesa Lara Méndez.

O proxecto inclúe a recuperación da que fora a vivenda do pintor e escultor Gómez Pacios e a construción dunha nova edificación que será área expositiva, así como a creación de 3.000 m² de infraestruturas verdes ao seu carón, que se habilitarán como zona cultural aberta a toda a cidadanía e que contará con programación propia.

O obxectivo é recuperar este espazo para que os artistas pasen tempadas e creen interrelacionando as súas disciplinas artísticas, nun proceso que poderán compartir cos peregrinos que percorran o Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo. Por iso, a reforma da construción existente, de titularidade municipal, inclúe habitacións e espazos comúns e áreas de traballo e talleres. “Farase de xeito respectuoso co inmoble, conservando os muros e todos os elementos existentes de valor, como o muíño contiguo, actuando só onde se detecten danos ou eivas de habitabilidade”, lembrou a rexedora.

Méndez indicou que o equipamento cultural se ampliará cun novo edificio independente, “que será de madeira e cristal para incrementar a sensación de lixeireza e evitar que resulte invasivo na paisaxe que, á súa vez, actuará como escenario de concertos, teatro e mostra do labor dos e das artistas residentes”.

En canto aos espazos verdes, a alcaldesa incidiu en que o seu deseño dará resposta aos desniveis existentes desde a rolda do Carme á casa para que sexa accesible, polo que se estruturará en bancais creando distintos ambientes onde desenvolver actividades. Así mesmo, a existencia de auga na parcela permitirá canalizala para crear un estanque con vexetación adecuada ao seu redor.

A casa Coliving é un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiado ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, encamiñada a unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

As obras, que serán realizadas por Sergonsa Servicios SL, contan cun prazo de execución de 10 meses e un orzamento total de 490.978 euros.

0.20422101020813