Comezan as obras do parque que lembrará no Carme ás vítimas e aos profesionais que loitaron en pandemia

LugoXa
Dan inicio as obras dun novo parque no barrio do Carme, promovido polo executivo municipal, que nace como homenaxe ás vítimas da Covid-19
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisan o inicio das obras do parque Covid
26 sep 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisaron este luns o inicio das obras de execución dun novo parque no barrio do Carme, promovido polo executivo municipal, que nace como homenaxe ás vítimas da Covid-19, así como a todo o persoal que loitou en primeira liña e segue loitando contra a pandemia.

O obxectivo, avanzou a rexedora, é crear con especies autóctonas un espazo para a reflexión e a lembranza “dunha etapa dura e histórica” nunha das zonas máis emblemáticas da cidade. Esta nova dotación situarase nun conxunto de catro parcelas municipais unidas, situadas entre a Rolda do Carme e o Regueiro dos Hortos, que suman unha superficie total de 698 m2.

“Os traballos que hoxe comezan, cun prazo de execución estimado de dous meses, incluirán a creación de camiños, plantación de céspede e especies autóctonas, así como a instalación de novo alumeado e de mobiliario urbano”, explicou a rexedora, quen subliñou que “crearemos un novo espazo de esparexemento para a poboación, incrementando a oferta de infraestruturas verdes da cidade, ao tempo que seguimos poñendo en valor este barrio emblemático, polo que transcorre o Camiño Primitivo e a Vía Romana XIX”.

De forma complementaria, preténdese solucionar un problema de accesibilidade existente desde o Regueiro dos Hortos ata a Rolda do Carme –onde actualmente existen unhas escaleiras recentemente restauradas–; así, con esta actuación, conectaranse estas dúas zonas a través do parque sen necesidade de ir por escaleiras, aspecto importante para as persoas con mobilidade reducida, carriños de bebés e outras limitacións.

Con motivo das obras, será necesario ocupar un tramo de vía, en concreto, unhas sete prazas de estacionamento da Rolda do Carme –en sentido de circulación cara a Praza Fonte dos Ranchos– para a provisión de materiais, aparcamento de maquinaria e acceso á obra. Así, xa se instalou a sinalización oportuna e se balizou a zona de carril bici afectada, co que o itinerario derivouse de forma temporal mentres se executan os traballos.

Este novo parque, pretende ser o marco que de cabida a un elemento escultórico, en homenaxe tanto ás vítimas da Covid-19 como aos profesionais que traballan activamente para mitigar os efectos da pandemia, polo que se reservará unha zona no centro do espazo para a colocación posterior dunha estatua.

0.38452386856079