Comezan as obras dun novo edificio de vivenda protexida en Garabolos

A Xunta vén de iniciar as obras dun novo edifico para 70 vivendas de promoción pública en Lugo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe estes traballos que se desenvolven na parcela B3 do barrio lucense de Garabolos, e cuxo investimento total ascende a 13,3 millóns de euros, dos que o 73,6% son fondos propios e o resto corresponden a fondos europeos. Así, a Xunta ten en construción neste momento 146 fogares na cidade.
O inmoble atópase na avenida Paulo Fabio Máximo, e dos novos 70 fogares, 11 serán de 2 dormitorios, 49 vivendas contarán con 3 estancias e os outros 8 fogares con 4 dormitorios. Ademais, 3 das vivendas están adaptadas para persoas con mobilidade reducida.
Este novo edificio é unha mostra, como sinalou a conselleira, de que “Lugo é prioridade para a Xunta”. Neste compromiso, lembrou que a Administración autonómica ten comprometidos 100 millóns de euros en materia de vivenda na cidade.
M. Allegue destacou que con este novo edificio, son xa 146 as vivendas de promoción pública que están en construción en Garabolos, tendo en conta o recente inicio dos traballos doutro inmoble de 76 vivendas, dentro das 600 vpp que están en marcha en diferentes fases de execución na cidade.
A conselleira engadiu que xa está adxudicada a redacción do proxecto para outras 145 vivendas e avanzado o proceso de adxudicación do proxecto para outros 169 fogares tamén en Garabolos. Incidiu así mesmo en que ao menos o 40 % das vivendas destinaranse en exclusiva ao alugueiro para menores de 36 anos e nas destinadas á venda, un 25 %.
Tamén está licitada a redacción do proxecto para un inmoble destinado a 50 aloxamentos temporais e compartidos en Illa Coelleira, nunha das parcelas cedidas polo Concello, para a que se recibiron 9 ofertas. E licitada a redacción do proxecto para construír 87 vivendas nas outras parcelas cedidas, en Paradai (recibíronse 3 ofertas) e Angelo Colocci, cuxo prazo de presentación de ofertas remata o día 14.
Por outra banda, está en licitación a rehabilitación dos inmobles en Catedral 18 e 22 ao abeiro do programa Rexurbe, que permitirán habilitar dúas vivendas. O prazo de presentación de ofertas remata o 12 de agosto.
E nunhas semanas coñecerase a proposta gañadora para a redacción do plan especial da UI-8 para a recuperación e posta en valor do pazo de Dona Urraca, e a rehabilitación e construción de inmobles no entorno.
M. Allegue puxo en valor a colaboración co Concello de Lugo, tanto en construción de nova vivenda como na recuperación do patrimonio, “poñendo en valor a historia da cidade”.
Por contra, a conselleira lamentou a falta de cooperación do Goberno central, que segue sen ofrecer información sobre o novo Plan Estatal de Vivenda, a pesar do compromiso do Goberno galego para o seu cofinanciamento. “Seguen sen ofrecer información, prazos ou actuacións concretas -sinalou-. E non me cansarei de repetir que imos tarde. Temos un problema urxente e a cidadanía precisa solucións, non palabras nin promesas, senón os deberes feitos”.