Comezan as obras na Rolda da Muralla entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba
Comeza a transformación do percorrido entre a rúa Santiago e a rúa Vilalba, onde se realizou hoxe o corte de tráfico e se levará a cabo a construción dunha nova beirarrúa que permitirá gañar espazo peonil. Rubén Arroxo, presente na visita á Rolda da Muralla, explicou que “aproveitamos para realizar a obra nas semanas con menos tráfico do ano, tratando de reducir ao máximo as molestias ocasionadas á veciñanza”.
"No 2020 habilitouse un paso peonil provisional nunha zona a carón da muralla que case non tiña beirarrúa, e na que os vehículos pasaban pegados ao monumento, e este ano damos un paso máis no proxecto global de humanización da Muralla que levamos aplicando desde a nosa chegada ao goberno", declarou Rubén Arroxo.
O proxecto que se levará adiante "permitirá transformar o entorno da Rolda da Muralla, non só aumentando o espazo peonil, senón renovando a zona da Porta de Santiago dando unha mellor estética ao punto da cidade no que se xuntan os tres Patrimonios da Humanidade cos que contamos", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "isto permitirá ampliar a actuación no futuro, cando se avance na peonalización total da Rolda da Muralla".
O alumeado deste treito tamén se renovará, instalándose 9 novas luminarias LED tipo RGB, que permitirán unha iluminación ás distintas horas e á luminosidade do día. O alumeado permitirá variar a luminosidade do monumento segundo a hora do día, mostrando luces de tonalidade cálida na noite e luz fría durante as mañás. "Isto mellorará a percepción visual da Muralla", explicou Rubén Arroxo.
En canto á circulación do tráfico, Rubén Arroxo avanzou que "os vehículos contarán con maior fluidez, ao modificarse o cruce da Rolda da Muralla coa rúa Santiago". Con esta actuación, o cruce pasará de ter un semáforo de 3 tempos a ter preferencia o tráfico que circule pola rolda, tendo un ceda o paso os vehículos que se acheguen pola rúa Santiago.
Mentres se executen os traballos, o tráfico desviarase polas rúas Cidade de Viveiro e Pascual Veiga que cambiarán o seu sentido de circulación, onde se eliminaron de xeito provisional unha serie de prazas de aparcamento para facilitar a circulación e a maniobrabilidade do bus urbano. A rúa Vilalba será bidireccional mentres se executen os traballos para permitir o acceso aos garaxes.