Comezan as obras no centro de servizos sociais de Lamas de Prado
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Benestar, Olga López Racamonde, supervisou hoxe o inicio das obras do centro interxeracional e polivalente de Servizos Sociais de Lamas de Prado.
O novo equipamento prestará servizo a unhas 20.000 lucenses dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias, segundo avanzou a alcaldesa, que sostivo que “será un novo equipamento de atención do persoal de Servizos Sociais para os colectivos máis vulnerables, pero ao mesmo tempo terá unha serie de espazos polivalentes para que poidan ser usados para actividades de toda a cidadanía”. Ademais, engadiu a rexedora, “o edificio contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética”.
Lara Méndez lembrou que será un edificio de consumo enerxético case cero, empregando a madeira como principal elemento estrutural, e disporá dunha zona verde ao seu redor. Na súa construcción teranse en conta criterios medio ambientais e de sustentabilidade, dentro da aposta por un novo modelo de urbanismo sostible que impulsa o executivo municipal, principalmente a través do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.
No deseño tivéronse en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.
A obra, que se executará en 12 meses, por un importe de 1.230.265 euros. O proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión
O centro destinarase a realizar distintas funcións: asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas ou de ocio tales como baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera. Contará, ademais, cunha distribución flexible para desenvolver actividades para os maiores, os mozos e os máis cativos e para facilitar a conciliación.
Distribución do espazo
Na zona de espazos servidores (planta soto) albergaranse os aseos, que dan servizo aos espazos principais da planta baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral. Tanto o cuarto de instalacións como o almacén comunican directamente cun distribuidor interior dotado dun elevador mixto (persoas-cargas). Esta característica facilita a carga e descarga de material e equipos xa que se trata dun elevador de dobre embarque que permite o acceso directo do material a beirarrúa.
Na zona recreativa (planta baixa) a distribución é flexible, é dicir, empregarase tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores aos usos e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. Nesta planta situarase o vestíbulo principal, unha zona de información e conserxería, así como unha zona polivalente que se poderá utilizar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, sala de lectura, sala de xogos, sala de ximnasia ou de baile.
Así mesmo, a planta baixa incorporará na fachada oeste unha apertura que permitirá “invertir” o sentido de funcionamento da zona expositiva do centro, e crear un espazo público no que sexa posible desenvolver actuacións exteriores, gozando da comodidade e medios que achegan a utilización do escenario e instalacións do centro. Os laterais da planta baixa contarán, así mesmo, con grandes ventanais para permitir a relación co espazo exterior e introducir a maior cantidade posible de luz nas estancias.
A zona traballo social, ubicada na planta primeira, está organizada en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio. Albergará a zona de traballo social e contará con: unha zona de información, 7 despachos, dúas zonas de espera, un arquivo e aseos.