Comezan as obras para renovar a sección de numismática do Museo Provincial de Lugo

LugoXa
A intervención permitirá exhibir de forma permanente o sestercio da caetra e mellorar a conservación, a museografía e a experiencia interactiva da colección de moedas
sección-de-numismática-Museo-Lugo
13 Nov 2025

Esta semana iniciáronse os traballos de renovación da Sección de Numismática e Medallística do Museo Provincial de Lugo, na Sala 10, cunha actuación pensada para expoñer de xeito permanente o sestercio da caetra e reforzar a protección, conservación e difusión da colección de moedas, unha das máis destacadas a nivel estatal.

A deputada de Cultura, Iria Castro, visitou o museo para interesarse pola evolución das obras, que, segundo avanzou, “rematarán entre finais deste mes e comezos de decembro” e que “culminarán o traballo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para incorporar ao patrimonio público o sestercio da caetra, unha peza de grande valor histórico e simbólico para a cidade, xa que a súa cuñación está vinculada á orixe de Lugo”.

A sala reorganizarase arredor desta moeda, declarada BIC, adquirida en agosto de 2023 pola Vicepresidencia da Deputación, e contará cunha nova museografía que potenciará o carácter didáctico do espazo, con imaxes e recursos gráficos sobre a relevancia histórica das moedas.

O proxecto, cun investimento de 83.000 euros, inclúe a renovación de vitrinas, iluminación e sinaléctica, así como a instalación de pantallas interactivas que proxectarán imaxes en 3D das pezas máis singulares para ofrecer unha experiencia inmersiva. Para enriquecer a visita e fomentar a interacción coa colección, tamén se instalará unha estación táctil e unha máquina expendedora de moedas que permitirá crear réplicas personalizadas. O deseño e os materiais empregarán criterios de sustentabilidade ambiental e accesibilidade universal.

O sestercio da caetra

O sestercio da caetra, tamén chamado sestercio de Augusto, é unha moeda de bronce de 38,07 gramos, cun retrato de Augusto no anverso e o escudo da caetra no reverso, un símbolo asociado aos guerreiros galaicos do noroeste da península. A súa cuñación atribúese a un taller móbil do campamento militar que deu orixe á cidade de Lugo no século I a.C.

Declarada BIC en 2022, permanecía en mans dun coleccionista privado ata a súa adquisición pola Vicepresidencia da Deputación, nunha aposta por reforzar a colección numismática do museo e poñer a peza ao servizo do patrimonio público.

Xunto a este sestercio, a institución adquiriu en agosto de 2023 un lote de seis moedas adicionais —dúas suevas e catro visigodas— de baixa emisión, que amplían e completan a colección, unha das máis importantes do Estado, con arredor de 10.000 moedas e medallas de distintas épocas históricas.

⚙ Configurar cookies
0.059053182601929