Comezan as obras para un novo aparcadoiro público na rúa Rof Carballo de Lugo

O Concello de Lugo puxo en marcha as obras de construción dun novo espazo público de estacionamento na rúa Rof Carballo, no barrio das Fontiñas. O proxecto busca aproveitar un terreo municipal que xa viña sendo utilizado de maneira informal como aparcadoiro, dotándoo de infraestrutura adecuada para garantir a súa integración urbanística e mellorar a comodidade das persoas usuarias.
As actuacións contemplan a creación dun pavimento de formigón pulido para a zona de acceso e manobra, mentres que os espazos de estacionamento disporán dun chan de herba armada de dez centímetros sobre unha base de grava de 25 centímetros. O conxunto estará delimitado por bordillos de dobre capa e rodeado de zonas verdes, nas que se plantarán enebros e breixos. Ademais, a fachada da parcela que dá á rúa San Xillao será axardinada para favorecer a súa integración coa contorna urbana.
A intervención, adxudicada á empresa Ogalia, conta cun orzamento de 43.076 euros e un prazo de execución de dous meses. No inicio dos traballos estiveron presentes o tenente alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas. Arroxo destacou que a obra permitirá ampliar a capacidade de estacionamento no barrio, mellorando a vida das veciñas e veciños da zona. Engadiu tamén que o goberno local seguirá impulsando actuacións nos distintos barrios da cidade co obxectivo de mellorar o espazo público.