Comezan as probas de mellora do transporte público en Lugo
O Tenente de Alcalde e concelleiro responsábel da área de Mobilidade, Rubén Arroxo, realizou esta mañá xunto co edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, un percorrido no bus urbano, comprobando o funcionamento do novo SAE, (sistema de axuda á explotación, conexión telemática que permitirá o seguimento en tempo real da flota de buses), que se está a configurar como paso previo á entrada das novas liñas de transporte público. Rubén Arroxo explicou que “o novo sistema de transporte público mellorará a accesibilidade, xa que os propios buses informarán das seguintes paradas”.
“Unha vez entren en funcionamento as novas liñas, as veciñas e veciños poderán consultar o tempo que falta para a chegada do seguinte bus, tanto a través das 21 pantallas informativas, como a través das aplicacións web que se habilitarán”, explicou o Tenente de Alcalde, que destacou que “calquera persoa poderá consultar en tempo real o estado da rede de transporte público dende o móbil ou o ordenador”.
A empresa concesionaria do servizo de transporte público do Concello de Lugo está a realizar estes días as probas de funcionamento do sistema, adicando un bus a realizar o percorrido das novas liñas. O novo proxecto de mobilidade está composto por catro grandes liñas que conectarán as zonas norte e sur de Lugo, e dúas máis que conectarán o leste co oeste da cidade. No eixo Norte-Sur da cidade, que inclúe a Avenida da Coruña, a Ronda da Muralla, a avenida Ramón Ferreiro e a Avenida de Madrid, onde se atopa a maior parte da poboación, terán un bus cunha frecuencia de 10 minutos.
Tarxeta Cidadá
"Coa entrada en funcionamento da nova mobilidade, queremos fomentar que as veciñas e veciños de Lugo aposten pola Tarxeta Cidadá para utilizar o bus urbano" afirmou Rubén Arroxo, que explicou, "o prezo do billete redúcese de 0,64€ a 0,45€, ou incluso 0,31 no caso de ter dereito a algunha bonificación, pagando só 0,19€ se se realiza un transbordo". Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.