Comezan as reunións co tecido asociativo de Lugo para poñer en marcha o Consello de Persoas Maiores
A responsable da concellería de Benestar Social, Olga López Racamonde, reuniuse este xoves co tecido social da cidade para abordar o funcionamento do futuro Consello Municipal de Persoas Maiores. Este novo órgano, cuxo desenvolvemento atópase na súa fase final, ten por obxectivo ampliar a participación activa e a integración do colectivo na vida municipal, en prol de acadar un maior nivel de benestar para o conxunto da sociedade.
A edila, que aproveitou a xuntanza para recoller as impresións dos colectivos, fixo fincapé en que o sector, que constitúe “unha parte moi importante da poboación, ten unha consideración específica dentro da propia configuración dos Servizos Sociais”. Deste xeito e co ánimo de fomentar a súa autonomía e favorecer a súa inclusión real en todos os ámbitos, entenden que é útil e necesario “a constitución deste novo ente no que terán representación os distintos estamentos da cidade para atender e escoitar as súas necesidades e demandas específicas”, avanzou López Racamonde.
Así mesmo, a concelleira subliñou que, entre outros aspectos, a entrada en funcionamento deste novo Consello Municipal das Persoas Maiores contribuirá a potenciar a coordinación entre as institucións e entidades asentadas no termo municipal, promovendo a realización de estudos e investigacións relevantes para este grupo da poboación ou calquera outra acción que se derive da súa propia dinámica social.