Comezan as xornadas formativas da Axenda Urbana 2030

LugoXa
A alcaldesa de Lugo asiste a primeira Xornada Formativa sobre a Axenda Urbana Lugo 2030 dirixida a técnicos municipais.
Xornadas Axenda Aberta
13 Ago 2022

O venres levouse a cabo a primeira Xornada Formativa sobre a Axenda Urbana Lugo 2030, unha sesión á que asistiu a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e recalcou que “os obxectivos marcados pola Axenda 2030 son un proxecto para o futuro e, a implicación municipal como a cidadá son de vital importancia neste camiño para deixar un Lugo mellor ás próximas xeracións”.

Esta primeira convocatoria estivo dirixida a parte dos técnicos municipais, pero esta previsto que teñan lugar novos encontros onde tanto cidadáns, como persoal municipal poderán coñecer e comprender a nova política urbana de man de expertos e persoas con experiencia na elaboración deste documento. “Coñecer as estratexias e impacto deste plan é esencial para conseguir que a Axenda 2030 sexa un proxecto de todos” apuntaba Méndez.

Paralelamente, os lucenses poderán facer achegas en liña á Axenda Urbana 2030 para deseñar a estratexia de cidade a través de este espazo de comunicación e co-creación pensado para intercambiar ideas, e elaborar o documento estratéxico que servirá de guía para o desenvolvemento do Plan de Acción da Axenda Urbana, baixo o paraugas Lugo Cidade Verde como unha folla de ruta que marcará a estratexia e as accións a levar a cabo ata o 2030, e engarza programas e proxectos relacionados co deseño e planificación estratéxica do municipio para facer un espazo máis acolledor, saudable e concienciado.

Méndez animou a participar “nesta segunda gran transformación de Lugo co fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza, na que estamos todos e todas a implicados, temos a obriga e a responsabilidade de seguir dando pasos, establecendo unha folla de ruta para dar resposta aos problemas, retos e aspiracións do municipio".

“Falamos, en definitiva, dun modelo participativo e no que os mecanismos da transparencia e da comunicación son moi importantes”, incidiu Méndez, quen engadiu que, “a través de distintas canles, trasladaremos á cidadanía a importancia de sumarse a esta iniciativa para impulsar a Axenda Urbana 2030 co obxectivo de lograr vivir nunha contorna cada día máis saudable, máis sostible e máis inclusiva”.

A Axenda Urbana constitúe “unha valiosa ferramenta para mellorar a calidade de vida das persoas que viven no noso municipio, unha oportunidade para construír o futuro de Lugo con diferentes actuacións que levaremos a cabo conscientes do momento no que vivimos e que o mundo debe seguir avanzando sen deixar a ninguén atrás, do cambio climático, da igualdade e da transversalidade que aborda a Axenda 2030 nun modelo 100% incluinte en todos os sentidos”, manifestou a rexedora lucense.

Neste sentido, a rexedora deixou claro que “é o momento de constituír unha comunidade integrada física e emocionalmente, con novos lazos baseados na sustentabilidade, a calidade de vida e a saúde, e fomentar unha identidade compartida por todos e todas os veciños de Lugo”.

0.15487599372864