Comezan as XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro na Facultade de Veterinaria de Lugo

LugoXa
As conferencias celébranse este xoves e venres na Facultade de Veterinaria e abordarán os avances máis recentes na xestión das ganderías de vacún de leite
inaguracion-xornadas-tecnicas-vacun-leite-seragro-Lugo-25
13 Nov 2025

A Facultade de Veterinaria de Lugo acolle unha nova edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro, que chegan xa á súa vixésimo segunda edición.

As sesións terán lugar este xoves 13 e o venres 14 de novembro no salón de actos do centro, converténdose un ano máis nun punto de encontro de referencia para profesionais, investigadores e estudantes do sector gandeiro.

Ao longo dos dous días de conferencias, especialistas e técnicos analizarán as últimas innovacións e avances na xestión das explotacións de vacún leiteiro, a través de varios bloques temáticos centrados en áreas clave como a recría, a produción, a robotización, a podoloxía e a xestión integral das ganderías. Ademais, as xornadas abordarán cuestións relevantes para o sector como as novas normativas ambientais, o coidado da recría, a agricultura de precisión, a intelixencia artificial aplicada á xestión das granxas e o benestar animal, ademais de temas prácticos como a xestión do persoal, aspectos fiscais e o manexo diario nas explotacións.

A organización corre a cargo de Gonzalo Gómez, José Antonio Montoiro e Manuel Vidal, que destacan a importancia de afondar en aspectos prácticos e tecnolóxicos que permitan mellorar a eficiencia e a sustentabilidade das explotacións. Nesta edición, a recría preséntase como o eixo central das sesións, ao considerarse un dos piares fundamentais da rendibilidade e o futuro das granxas.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na inauguración das XXII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite organizadas por Seragro Sociedade Cooperativa Galega, que reunen a 700 profesionais, entre gandeiros, técnicos e expertos do sector, durante hoxe e mañá na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

Durante a súa intervención, Tomé deu a benvida aos asistentes e salientou que a cita, á que a Deputación colabora cunha achega económica de 12.000 euros, “consolídase como un punto de encontro esencial para o sector lácteo galego e español”. Engadiu que, durante estes dous días, “Lugo convértese na capital do coñecemento gandeiro, un lugar onde se comparten experiencias, se debaten retos e se constrúe futuro. E iso é o que mellor define a forza deste sector: a súa capacidade para aprender, para innovar e para avanzar xuntos”.

“O sector do leite en Galicia, e especialmente na provincia de Lugo, é un exemplo de profesionalización e modernidade, á vangarda tecnolóxica e produtiva en Europa”, subliñou o presidente, destacando que este éxito non é casualidade, senón froito do esforzo das explotacións, do apoio das cooperativas, da implicación das institucións e do traballo da Universidade de Santiago a través do Campus Terra de Lugo.

Tomé destacou a importancia das aulas e laboratorios da Facultade de Veterinaria, lembrando que moito do que hoxe se aplica nas granxas xurdiu no campus lucense. “A investigación e a transferencia de coñecemento teñen en Lugo o seu berce, e grazas a ese vínculo coa Universidade, as explotacións son máis eficientes, sostibles e competitivas”, afirmou.

O presidente resaltou tamén o compromiso da Deputación co sector primario mediante iniciativas como a Granxa Gayoso Castro, que complementa o labor da Universidade e das cooperativas. Xunto con instalacións como o Centro Experimental de Leite ou os programas de recría de Rubia Galega, forman un ecosistema de apoio que impulsa a profesionalización e modernización das explotacións da provincia.

Nas instalacións da Deputación en Castro de Rei ofrécense solucións reais para os gandeiros e gandeiras da provincia, co obxectivo de que a produción de leite en Lugo siga sendo viable, sostible e atractiva para as novas xeracións. “Temos coñecemento, temos orgullo e temos futuro. Sigamos demostrando que o rural galego é un lugar de innovación, oportunidades e vida”, concluíu.

As Xornadas Técnicas de Seragro consolidáronse ao longo destas dúas décadas como unha cita esencial para o sector leiteiro galego, caracterizada polo seu enfoque divulgativo e pola conexión directa entre o ámbito científico e o profesional.

⚙ Configurar cookies
0.12107610702515