Comezan as XXXVI Xornadas Luis Asorey, centradas en temas vencellados ao sector forestal galego

A nova edición das XXXVI Xornadas Luis Asorey quedou inaugurada cun acto institucional que marcou o inicio dun programa dedicado a analizar en profundidade o presente e o futuro do sector forestal galego.
As sesións, que se desenvolverán ata o 27 de novembro co patrocinio da Deputación de Lugo, poden seguirse de maneira presencial ou en directo a través da canle de Youtube do Servizo de Audiovisuais da institución provincial. Todas as propostas son de acceso libre e terán lugar entre as 19:00 e as 21:00 horas.
Nesta edición, a organización —a cargo da Real Academia Galega de Ciencias en colaboración co Campus Terra— aposta por un enfoque centrado nos desafíos estruturais do monte galego, o papel das frondosas, as súas fortalezas produtivas e ambientais, e as debilidades dun sector inmerso en plena transformación.
Durante a apertura, o deputado Rivera Capón agradeceu o traballo das entidades implicadas e subliñou que a cooperación entre a academia, o sector profesional e as administracións é clave para avanzar en políticas públicas “sólidas, innovadoras e realmente útiles”. “Só se progresa cando o coñecemento se transforma en decisión, cando a análise se converte en estratexia e cando o diálogo dá paso á acción”, afirmou.
No acto tomou parte tamén a delegada do Campus Terra da USC, Elvira López Mosquera, xunto co coordinador das xornadas, Antonio Rigueiro Rodríguez, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema Rodicio. A continuación, Rigueiro —profesor universitario, membro da RAGC e presidente da Asociación Forestal de Galicia— pronunciou a conferencia inaugural, centrada nos grandes retos do sector, como o impacto do cambio climático, a xestión dos incendios, a moratoria do eucalipto ou a necesidade de promover modelos forestais máis equilibrados, diversos e produtivos.
O programa seguirá en de cinco sesións temáticas. O 19 de novembro, Roque Julio Rodríguez Soalleiro analizará as opcións silvícolas para o carballo en Galicia coa charla “En bosque pequeno non hai carballos”. O día 20 será a quenda de Abelardo Nimo Silva, que explicará o proxecto de valorización da madeira de frondosas de Galicia. O 24 de novembro, Vanesa Baño Gómez abordará o mercado das frondosas para a construción en Galicia e Europa. Xa o 26 de novembro, Xosé Covelo Míguez falará das oportunidades do asociacionismo para unha xestión sostible dos montes e da compensación de servizos ecosistémicos. O ciclo pecharase o 27 de novembro cun relatorio de Alberte Piñeiro Tubío sobre a estratexia para impulsar a xestión activa das masas de frondosas en Galicia.