Comezan distintas actuacións para loitar contra o peche de graos no campus

LugoXa
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa das deputadas Olalla Rodil e Cristina Fernández, presentaron ante o Parlamento galego unha lista de iniciativas ante a situación de crise na que se atopa o Campus Terra de Lugo, logo de compartir opinións nunca xuntanza aberta cos colectivos afectados.
foto pleno lugo 2
15 Nov 2023

O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, a iniciativa das deputadas Olalla Rodil e Cristina Fernández, presentaron ante o Parlamento galego unha lista de iniciativas ante a situación de crise na que se atopa o Campus Terra de Lugo, logo de compartir opinións nunca xuntanza aberta cos colectivos afectados.

A nova ameaza de redución de titulacións xerou unha enorme preocupación social non só no ámbito universitario, senón no tecido social da cidade. Olalla Rodil indicou que “materializar estas mudanzas suporía un durísimo golpe para un campus, como o de Lugo, especializado na formación e xeración de coñecemento arredor das ciencias da terra”.

Para a parlamentaria cómpre tamén “ter en conta a realidade demográfica de Lugo e a falta de infraestruturas que lastran, dende hai décadas, o seu desenvolvemento; polo que o Campus debera ser obxecto de medidas de discriminación positiva por parte do Goberno galego e non, como acontece, de esixencias cada vez máis duras para poder manter o seu funcionamento”, explicou Rodil.

Por todo isto, o Grupo Parlamentar presentou unha batería de iniciativas nas que pide ao Goberno da Xunta “paralizar calquera intento de recorte no mapa de titulacións e modificar a obriga de contar con 45 estudantes de novo ingreso como esixencia para mantelos, todo isto potenciando campañas públicas encamiñadas a promover vocacións relacionadas cos graos ofertados”, insistiu Olalla Rodil.

Para o BNG o Campus Terra non pode ser obxecto de novos recortes máis aínda en áreas de coñecemento que representan un valor fundamental presente, mais sobre todo futuro, para o País. O campus de Lugo representa un espazo de investigación e innovación de enorme valor para o tecido produtivo da provincia, razón pola que todos os esforzos deben centrarse na súa promoción e na garantía do seu funcionamento.

PLENO DE NOVEMBRO

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición que ten por obxectivo garantir o futuro do Campus Terra conservando a súa actual oferta educativa e o seu transcendental labor de investigación. A proposta solicita á Xunta de Galicia revisar o Decreto 222/2011, polo que se establece o alumnado mínimo por grao universitario como criterio para asegurar a súa viabilidade, por non adecuarse á realidade galega e polas múltiples implicacións negativas que, a nivel social, económico e científico, ten esta norma para Lugo e, por extensión, para toda a Galicia rural. Así mesmo,  o texto insta á USC a considerar, de xeito obxectivo, a especialización do Campus Terra como un valor competitivo diferencial na súa toma de decisións,  especialmente  ante unha posible reconfiguración do seu mapa de titulacións.

“Tras unha serie de encontros mantidos ao longo dos últimos días, tanto de forma presencial como telefónica, coa dirección da Escola Politécnica Superior de Enxeñería e con distintos axentes do Campus Terra por este asunto, desde o Goberno local apostamos por traballar de forma institucional na defensa do noso campus e por iso presentamos esta proposición de xeito razoado e fundamentado”, sinalou a rexedora, quen considera que os argumentos esgrimidos polo reitorado da USC son insuficientes.

“Os criterios para definir a viabilidade dunha titulación non poden establecerse unicamente polo numero de alumnos e alumnas matriculados, senón polo rendemento que as persoas con titulación nestes graos aportan ao territorio. Neste sentido, a vinculación do Campus Terra con Lugo, onde a agricultura, a gandería, o sector forestal  e os diferentes procesos do sistema agroalimentario teñen un peso capital no sistema produtivo, están sobradamente acreditados”, sinalou a este respecto a alcaldesa de Lugo, quen recordou algunhas das achegas dos equipos de investigación a nosa sociedade.

“Gran parte da reforma estrutural acometida nas explotacións gandeiras galegas no século XXI levouse a cabo tendo en conta os criterios  de optimización de produción dos expertos deste campus. Ademais, o traballo de I+D+I que se vén levando a cabo desde este espazo permitiu que valiosos proxectos empresariais viran a luz nos últimos anos, posibilitando fornecer a nosa economía e dinamizando o mercado laboral”, afirmou a rexedora, que alertou do perigo que supón para estes grupos de investigación a reestruturación esbozada polo reitorado da USC.

Méndez considera que, se ben a presión exercida pola comunidade universitaria, as institucións locais e a sociedade lucense en xeral ao longo destes últimos días acadaron un aprazamento temporal na toma da decisión por parte da USC, continúa a existir unha ameaza latente sobre o futuro do Campus Terra como espazo docente e de investigación científica.

“A comunidade universitaria, desde o colectivo de docentes ata as agrupacións estudantís, coinciden en afirmar que este decreto non se adecúa á realidade social galega, xa que aspectos claves como o balance demográfico, a internacionalización da formación universitaria ou o actual contexto económico e social non foron tidos en conta no seu proceso de redacción. É, por si mesmo, este argumento, o da obsolescencia lexislativa, motivo suficiente para que o Goberno autonómico revise o decreto e o reitorado reevalue a súa decisión”, concluíu a alcaldesa.

CHARLA

O futuro do Campus de Lugo no marco do sistema universitario de titulacións centra este xoves, a partir das 19.30 horas, na cafetería da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra, a temática do debate informal promovido polo colectivo Proxéctate en Galego, no marco dos Encontros de Lúa Chea.

A sesión, durante a que se abordará o escenario aberto tralo acordo para o mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego (SUG) asinado en 2021, ao tempo que se reflexionará sobre as consecuencias que depara este documento para a sede universitaria luguesa, contará como relatores cos profesores Celia Besteiro e Carlos Herrero, dous docentes da sede universitaria luguesa que contan con ampla experiencia en xestión universitaria logo de ter ocupado as vicerreitorías de Organización Académica e Coordinación do Campus de Lugo, respectivamente.

0.19952511787415