Comezan en Lugo as xornadas Luis Asorey, centradas sobre os soutos
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, inaugurou este luns a 34ª edición das xornadas Luis Asorey, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) coa colaboración da Deputación de Lugo e o Campus Terra. O Salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá polas tardes, de 19.00 a 21.00 horas, ata o vindeiro día 22 de novembro este ciclo de xornadas, que este ano aborda Os soutos de castiñeiros: ecosistemas multifuncionais.
Rivera Capón abriu o foro, que reúne un cento de participantes, xunto ao presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, e o Catedrático Antonio Rigueiro, coordinador das xornadas. Salientou a actualidade e a oportunidade da temática desta edición, polo valor e potencial que teñen os soutos para a provincia e o conxunto de Galicia, tanto a nivel económico, como ecolóxico e cultural. “A recuperación e posta en valor dos soutos e a modernización da produción supoñen unha fonte de ingresos complementaria para as explotacións agrogandeiras, pero ademais favorecen a ordenación do territorio e a prevención dos lumes forestais, así como a biodiversidade e a conservación de hábitats protexidos”, afirmou.
Precisamente, dixo, a Deputación foi recoñecida polo seu traballo de recuperación de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses, e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá gañando a Copa España Creativa, un certame nacional que premia iniciativas innovadoras para favorecer o desenvolvemento sostible do territorio. “O traballo que fixemos foi positivo, pero sabemos que a explotación económica dos soutos está na actualidade limitada por diversas causas: sociais, como o abandono progresivo do rural; medioambientais, como as pragas; e administrativas, como a incerteza xurídica da titularidade dos castiñeiros”, avanzou o Deputado.
Programación
Luns, 13 de novembro
O profesor emérito do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Antonio Rigueiro Rodríguez, ofrecerá a conferencia Os soutos de castiñeiros como sistemas agroforestais.
Martes, 14 de novembro
Sanidade do castiñeiro e da castaña será a cargo da profesora titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Fina Lombardero Díaz.
Mércores, 15 de novembro
Creación de soutos mansos e plantacións de castiñeiros para madeira será o tema que impartirá o catedrático do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Roque Julio Rodríguez Soalleiro.
Xoves, 16 de novembro
O profesor titular do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da EPSE da USC en Lugo, Juan Luis Fernández Lorenzo, abordará a Conservación de recursos xenéticos do castiñeiro: clons híbridos, cultivares tradicionais, árbores monumentais.
Luns, 20 de novembro
O tema a tratar será Material vexetal na produción da castaña: aplicación do Programa de Mellora Xenética do Castiñeiro. Será Beatriz Míguez Soto, do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán, a encargada de impartir a conferencia.
Martes, 21 de novembro
O xerente da empresa Alibós e presidente da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, Jesús Quintá García, falará sobre a Comercialización e industrialización da castaña. A Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia.
Mércores, 22 de novembro
O Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, impartirá a conferencia Programa estratéxico do castiñeiro e da produción da castaña.