Comezan en Negueira as xornadas Ciencia na Aldea

LugoXa
Hoxe comezan en Negueira as xornadas Ciencia na Aldea, con oitenta persoas anotadas para asistir a ponencias, mesas redondas e paseos guiados
ciencia na aldea negueira
28 Abr 2023

Hoxe comeza en Negueira de Muñiz, a terceira edición das Xornadas de Desenvolvemento Rural Ciencia na aldea, organizadas pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo e a Asociación Corripa.

Oitenta persoas inscribíronse para participar no encontro, que se celebra ata o domingo no ecomuseo El País del Abeyeiro e que suliña a importancia dos entorno rurais para a conservación da biodiversidade.

Os bosques centrarán a primeira xornada, que contará con intervencións do presidente da Sociedade Galega de Historia Natural e investigador do CSIC Serafín González Prieto, que abordará a problemática dos lumes forestais, e de María Melero, responsable do Programa Bosques, de WWF Adena, que tratará os retos de presente e futuro destes espazos naturais. Ademais, cun enfoque máis cultural, o presidente da Fundación Rosalía de Castro Anxo Angueira falará da presenza da temática natural na obra da autora de “Follas Novas”.

A xornada do sábado céntrase en figuras pioneiras ou historicamente relevantes no estudo, conservación e divulgación da biodiversidade a nivel mundial como o cartógrafo Félix de Azara, pioneiro en documentar a biodiversidade de América do Sur; o científico Charles Darwin, que teorizou sobre a evolución das especies e a selección natural; o xeógrafo, naturista e explorador Alexander Von Humboldt, pioneiro do pensamento ecolóxico; o naturalista Carlos Linneo, que desenvolveu a nomenclatura científica de animais e plantas ou a entomóloga e ilustradora Maria Sybilla Merian. O programa inclúe tamén mesas redondas sobre divulgación científica e comunicación de temáticas relacionadas co rural e a conservación medioambiental.

O domingo está prevista unha xornada de portas abertas con paseos guiados polo Xardín de Polinizadores Fernando Fueyo, inaugurado nas xornadas do ano pasado, e polo nomeado como “Souto de Humboldt”, un bosque de castiñeiros centenarios na contorna do ecomuseo de El País del Abeyeiro que a Asociación Corripa está a poñer en valor como espazo de biodiversidade e memoria con ilustracións de David Despau.

0.21386098861694