Comezan este mes varias actuacións de mellora de rúas da cidade
O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, anunciou que esta semana dan comezo unha serie de actuacións planificadas pola área de Mobilidade que teñen por obxectivo "garantir o bo estado dos viais públicos e mellorar a seguridade viaria en toda a cidade".
Penas visitou a rúa Santo Graal, onde na xornada de hoxe comezaron os traballos de renovación do asfalto que une o número 159 desta rúa coa área de servizo, "un treito que contaba cun asfalto moi deteriorado e que da un importante servizo á veciñanza da zona", explicou Penas. O edil de Infraestruturas explicou que, xunto con esta vía, hoxe actuarase na rúa Salvia, "un pequeno ramal do barrio de Albeiros que da acceso a varias casas". O calendario de traballo da área de Mobilidade continuará mañá coa renovación do asfalto na avenida Anxo López Pérez, e ao longo da semana traballarase tamén na fonte dos Ranchos e no enlace da avenida Breogán coa N-VI "completando deste xeito a renovación integral desta rúa iniciada o ano pasado", explicou Penas.
O Goberno de Lugo intervirá en todas estas zonas cunha renovación integral do asfalto, construíndo unha nova capa de rodadura para o tráfico rodado baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará o selado do firme ante a acción da auga superficial, ademais da reconstrución do firme en todo o seu espesor, para evitar novos defectos que afecten á capa de rodadura. Renovarase tamén a sinalización horizontal.
De cara á renovación do asfalto da avenida Anxo López Pérez, o goberno de Lugo poñerá en marcha un plan de tráfico específico que garanta o acceso ao aparcadoiro subterráneo e o acceso e saída dos autobuses interurbanos á estación. As e os residentes, xunto cos usuarios do aparcadoiro, poderán acceder e saír a través da rúa Cidade de Vigo, que se disporá en dobre sentido. Tamén se modificará o tráfico na rúa Dinán (habilitando dobre sentido de circulación) E Salvador de Madariaga (cambiando o sentido da circulación). Penas explicou que "en todas as obras buscamos reducir ao máximo as molestias que causamos á veciñanza" e lembrou que a duración prevista desta actuación é de dous días.
"Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e dos accesos aos mesmos, aumentando a calidade de vida das veciñas e veciños", explicou Alexandre Penas, que lembrou que a área de Mobilidade e Infraestruturas planifica as intervencións de mellora dos espazos públicos segundo as peticións e solicitudes veciñais e cun importante traballo de visitas aos barrios.