Comezan os labores de limpeza do novo auditorio para a súa apertura

Os traballos de limpeza do novo auditorio comezaron a principios desta semana, coa incorporación dunha media de 12 empregados a uns labores que está previsto acometer nas próximas dúas semanas, para que o novo edificio estea a punto para a súa inauguración o día 20, co concerto da soprano vasca Ainhoa Arteta.
Estes días a actividade é continua e hai xornadas nas que ata 16 traballadores están a executar estas tarefas, que o Goberno Local encomendou á empresa que realiza a limpeza das instalacións do resto de dependencias municipais.
O concelleiro en funcións de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto, sinala ao respecto que “o ritmo dos traballos é bo. Desde o Goberno Local estamos a facer un gran esforzo para que todo estea a punto para a apertura”.
Unha das tarefas que require dun maior número de operarios e de máis horas é a limpeza dos cristais, tanto exteriores como interiores, ao que a firma encargada destes traballos destinará varias brigadas para intervir nas fachadas principal e traseiras e tamén nos cristais interiores.
Outra das intervencións que require máis medios técnicos e humanos é a propia limpeza do interior do edificio, co fregado mecanizado, aspirado e limpeza xeral das butacas e das salas.
Na execución destes traballos se están a empregar moitos medios técnicos como aspiradores de mochila, vasoiras eléctricas, fregadoras mecanizadas, plataformas de tesoira, elevadoras de ata 20 metros e hidrolimpadoras de gasolina, ademais “doutros produtos e maquinaria adecuados ás características dos materiais construtivos destas instalacións e acordes coas actividades a desenvolver”, sinala Mauricio Repetto.
Ademais, a intervención no novo auditorio inclúe tamén a limpeza dos solos e altos do aparcadoiro e a dos solos exteriores con hidrolimpadora.