Comezan os traballos de plantación de árbores e parterres no proxecto Lugo Corazón Verde

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou as zonas peonalizadas do centro histórico nas que comezan os traballos de plantación de árbores e parterres, dentro do proxecto Lugo Corazón Verde, que ten como obxectivo transformar o espazo público nun lugar máis acolledor, funcional e sostible.
Fíxoo acompañado de persoal técnico municipal, da dirección da obra e da empresa adxudicataria, así como de representantes das asociacións veciñais implicadas, coas que se analizou sobre o terreo cada intervención prevista.
O rexedor puxo en valor que “a participación cidadá e a supervisión conxunta dos traballos permítennos garantir que cada actuación responda ás necesidades reais da veciñanza e que as decisións técnicas sexan compartidas e entendidas por todas as partes”.
Fernández subliñou tamén que se están a empregar as especies máis desenvolvidas dispoñibles nos viveiros galegos, co fin de acadar un impacto verde máis inmediato e contrarrestar a percepción de escaseza de vexetación que se produciu tras a renovación do pavimento.
Nesta nova fase do proxecto prevese a plantación de 39 árbores de diferentes especies ornamentais, entre elas freixos comúns (Fraxinus excelsior), ciruelos de folla púrpura (Prunus cerasifera 'Pissardi'), olivos de Bohemia (Eleagnus angustifolia) e un exemplar de ginkgo (Ginkgo biloba), de gran valor ornamental e simbólico, cuxa ubicación definitiva será consensuada coa veciñanza.
Ademais, colocaranse 15 parterres con camelias japónicas e outras especies herbáceas ao longo das rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros, así como en puntos destacados como a esquina de Montevideo con Carril das Estantigas ou a rúa Amor Meilán. Todas as plantacións estarán dotadas dun sistema de rega automatizado.
“O noso centro histórico gañará un número considerable de exemplares que desenvolveran, según avance o seu crecemento, unha masa arbórea que cumprirá cun dobre obxectivo: gañar confort para a veciñanza con zonas de sombra e mellorar o ornato das nosas rúas”, concluíu Fernández.
Estas actuacións forman parte dun modelo urbano que busca reforzar a convivencia e o benestar nas zonas históricas da cidade, con intervencións que equilibran o respecto patrimonial coa incorporación de natureza, e que consolidan o compromiso do Goberno local cun Lugo máis sostible, coidado e participativo.