Comezan os traballos para a instalación dunha torre de comunicacións na parroquia de Gondar

Comezan os traballos para a instalación dunha torre de comunicacións na parroquia de Gondar, en Lugo, como parte da mellora da cobertura de móbiles no rural do municipio.
A través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), a nova instalación sitúase nun terreo cedido polo Concello de Lugo dentro do convenio asinado entre AMTEGA e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Este acordo ten como obxectivo a posta en marcha de actuacións para mellorar a cobertura de telefonía móbil no rural galego.
A Xunta ten previsto instalar outras dúas torres no municipio de Lugo, co fin de ofrecer servizo a núcleos como Gondar, Alta, Locai, Marcoi, Riobó, Vilariño, Torible, Bacurín, Carricova, O Burgo, Hospital, San Pedro de Abaixo, San Pedro de Arriba e Cabanas. O orzamento total para estas instalacións é de aproximadamente 700.000 euros.
A construción destas torres en zonas rurais de toda Galicia forma parte dun proxecto da Xunta que complementa os compromisos do Estado, quen ten a responsabilidade sobre as telecomunicacións.