Comezan os traballos para crear unha nova área de lecer na rúa Alcalde Xosé Novo Freire

LugoXa
O novo espazo terá unha superficie de 574 metros cadrados. Ten un prazo de execución de dous meses e contan cun investimento de 153.525 euros.
rúa alcalde xosé novo freire lugo
23 Feb 2021

O Concello de Lugo vén de iniciar os traballos para a creación dunha nova zona de recreo, urbana e multifuncional, na rúa Alcalde Xosé Novo Freire. A nova área de xogos terá unha superficie total de 574 metros cadrados. O proxecto ten un prazo de execución de dous meses e conta cun investimento de 153.525 euros.

Con esta actuación, di a alcaldesa Lara Méndez, preténdese recuperar a zona, acondicionándoa "como punto de encontro para persoas de todas as idades, con usos que permitan a multifuncionalidade e a flexibilidade, achegando confort e seguridade á veciñanza da zona”. O fin, engadiu, "é fomentar a creatividade, o exercicio físico, a sociabilidade e a interacción da cidadanía, sumando deste xeito un novo espazo para a convivencia, desde cativos a maiores”.

O novo parque da rúa Alcalde  Xosé Novo Freire contará con catro zonas de lecer:

  • Unha zona de xogos infantís, que disporá dunha torre multidisciplinar e outros elementos como un carrusel, un tren, columpios e xogos inclusivos para nenos e nenas con mobilidade reducida.
  • Unha zona deportiva para adolescentes, que contará cun circuíto de Street Workout, é dicir, con diferentes estruturas destinadas ao exercicio físico ao aire libre.
  • Unha zona de máquinas biosaudables para adultos, que incluirá media ducia de aparatos de ximnasia, todos eles con estrutura de aceiro galvanizada.
  • E un espazo intermedio ou de descanso, con mobiliario urbano como bancos, unha fonte, árbores e papeleiras.

NOVOS PARQUES

A rexedora de Lugo referiuse tamén a outros novos espazos urbanos verdes e de lecer para a cidadanía que se están a habilitar na cidade. É o caso do parque ubicado entre as rúas Manuel María e Túnel de Oural, na Piringalla, que está pendente da instalación da fonte das Lavandeiras para a súa inauguración, e do parque de Augas Férreas, onde "en breve" comezarán as obras de ampliación, mellora e cubrición do recinto.

O Concello realizou ademais melloras na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, puxo en marcha un novo parque infantil na Praza de Bretaña e ampliou os parques infantís de Campo Castelo e Albeiros, entre outras actuacións.

alcaldesa lugo zona xogos novo freire
0.18336415290833