Comezan os traballos para renovar a cuberta do CEIP As Mercedes de Lugo

Xa están en marcha as obras para substituír a cuberta do CEIP As Mercedes de Lugo, unha actuación anunciada pola Xunta a comezos de xullo co obxectivo de que estea finalizada antes de que arrinque o novo curso escolar e interfira o menos posible na actividade lectiva.
A intervención, que inclúe a renovación do teito en tres volumes do centro —agás a edificación ampliada no ano 2017—, suporá a substitución duns 700 metros cadrados de cuberta.
Esta medida chega despois de que, na fin de semana do 8 e 9 de xuño, colapsase un tramo do teito do colexio, deixando un burato de varios metros xusto enriba dunha aula de sexto de Primaria, cando aínda se desenvolvía o período lectivo, o que incrementou a gravidade da situación.
Desde a Xunta atribuíron este incidente á falta xeral de mantemento dos centros educativos por parte do Concello, que no caso do CEIP As Mercedes derivou nun deterioro evidente da cuberta.
A administración autonómica agradeceu á Consellería de Educación que asumise esta actuación “necesaria e urxente” e puxo en valor “a rapidez e implicación” para que o centro poida iniciar o curso cunha nova cuberta, transmitindo así “tranquilidade” ás familias do alumnado.