Comezan os traballos para solucionar os problemas de drenaxe de augas pluviais na Avenida de Breogán

Comezan os traballos para solucionar os problemas de drenaxe de augas pluviais que se rexistran na contorna do aparcadoiro disuasorio da Avenida de Breogán, no barrio de Casás de Lugo.
A actuación que vén de iniciar a Xunta suporá implantar un sistema de drenaxe na rúa Monte Pena Rubia para canalizar as augas por debaixo do pavimento. Darase así solución aos problemas que se rexistran especialmente nos días de choiva, nos que as actuais deficiencias fan que pase por riba da vía un caudal de auga que provoca arrastres e afecta especialmente ao tránsito de peóns.
O delegado territorial, Javier Arias, supervisou o inicio desta actuación, que conta cun orzamento de 48.300 euros e un prazo máximo de execución de tres meses.
Arias lembrou que o Goberno autonómico decidiu asumir estas obras, malia ser de competencia municipal, para que o Concello de Lugo recepcione o aparcadoiro e axilizar así a súa apertura.
Explicou, ademais, que as deficiencias na drenaxe de augas na rúa Monte Pena Rubia son “un problema preexistente e, de feito, as augas que se desbordan proceden en boa parte de afloramentos de auga nas cunetas do vial que nada teñen que ver coa construción do aparcadoiro”. Se ben, a situación puido facerse máis evidente ao non poder filtrarse agora a auga ao terreo natural na zona do aparcadoiro.