Comezando ben o ano
Por Adrián Fernández
Chegamos ao final do 2022, un ano moi bo para o breoganismo, rematando cun mes de decembro moi positivo en canto a xogo e resultados.
Viaxabamos a Xirona despois de tres derrotas e cos ánimos un pouco baixos para afrontar un encontro moi importante, pero o equipo foi quen de deixar a un lado os resultados anteriores e conseguíu romper a mala xeira gañando por 66-73 na casa dun rival directo grazas a un parcial de 0-11 ao noso favor no último cuarto da man de Bamforth e Nenadic.
De volta xa en Lugo e cun cambio de actitude agardabamos ao Barcelona, encontro declarado día do Clube polo que os aboados tiñan que mercar tamén a entrada, pero que non evitou o cheo no Pazo para ver aos de Jasikevicius. Un partido moi igualado con moitos cambios de vantaxe no marcador que só a ampla experiencia dos xogadores do clube catalán foi o que conseguíu que se levaran a vitoria por 74-78.
Coa sensación de volver ser competitivos, tocaba ir a Sevilla a xogar contra o Betis. Dende o comezo os dous equipos demostraron ter o día de cara ao aro o que convertíu o partido nunha competición por ver quen era capaz de meter máis canastas dende a liña de tres puntos, por sorte foi o Breogán e gañou por 84-89 pese aos 30 puntos de Evans, grazas a Happ e a Momirov, que xogou o seu mellor partido ata o momento.
Para rematar o ano recibiamos outro equipo de Euroliga, o Baskonia, outra vez con boas sensacións trala vitoria en Sevilla. Nótase cando o equipo xoga sen presión porque outra vez competíu de ti a ti contra un rival superior, un rival que veu impoñer o seu ritmo alto dende o comezo e que se foi ao final do primeiro cuarto 13-25. O Breogán non se rendiu e conseguiu remontar ata chegar a só dous puntos de desvantaxe pero o Baskonia tirou de calidade e levouse a vitoria por 77-86.
Na primeira xornada do ano o Breogán viaxou a Zaragoza onde venceu na prórroga por 88-90. Gracias a esta última vitoria o Breogán pecha un moi bo ano e comeza da mellor maneira posible, cun balance de 7-7 no que cinco das sete vitorias foron coma visitante, isto podería parecer negativo porque sabemos que necesitamos a fortaleza do Pazo, pero hai que ter en conta que as derrotas foron todas contra rivais dun nivel superior (Barsa, Baskonia, Valencia, Gran Canaria e Tenerife) e que agora teñen que vir os rivais da nosa liga, e a moitos deles xa lles gañamos nas súas casas.
Cun Breogán que semella asentado na Liga ACB no que non só parece ir ben o plano deportivo, se non que tamén no plano administrativo, xa que a xunta de accionistas aprobou un presuposto que rematou con saldo positivo, despedimos o ano 2022 e damos a benvida a un 2023 que esperemos sexa tan bo como o anterior.