Comezou a instalación de novos asentos no Pazo dos Deportes
Esta semana comezaron as tarefas para a instalación e montaxe dos novos asentos do Pazo dos Deportes. Operarios da empresa adxudicataria traballan desde este luns no recinto, preparando os paneis frontais das bancadas para a anclaxe das novas cadeiras, de cor azul e con respaldo pregable.
Instalaranse 2.000 asentos, renovando por completo as bancadas da metade inferior, tanto as localidades que teñen asentos grises como as que non teñen asento.
Os traballos de montaxe desenvolveranse por fases, tendo en conta o calendario de encontros nas próximas semanas, tal e como se acordou coa empresa e cos clubs. O obxectivo é que o Pazo manteña a capacidade nos días nos que se disputen os partidos.
O vicepresidente da Deputación e deputado de Deportes Efrén Castro explicou que “a instalación dos asentos renovará e modernizará as bancadas, mellorando tamén a confortabilidade de afeccionadas e afeccionados, especialmente nas zonas das bancadas que estaban ata agora sen asentos”.
Deportes destina 171.000 euros a esta actuación que dá continuidade ás melloras que se realizaron nos últimos meses, coa substitución das luminarias antigas por outras de tecnoloxía LED, que melloraron a eficiencia enerxética e a iluminación da pista tanto para público como para as retransmisións televisivas.
A renovación dos asentos e as luminarias no Pazo dos Deportes e a instalación dun novo pavimento no Anexo, que comezou tamén esta semana, son as actuacións máis ambiciosas que se teñen levado a cabo nainstalacións deportivas provinciais - fundamentais para o baloncesto da cidade - desde que se construíron, fai tres décadas no caso do Pazo e dúas no caso do Anexo.