Comezou a renovación do firme de varios viais das Gándaras
O concelleiro de Infraestruturas, Alexandre Penas, visitou o barrio das Gándaras onde veñen de comezar os traballos de renovación do firme de varios viais. "Con esta actuación respondemos a unha solicitude da veciñanza da zona, renovando o barrio e mellorando os viais e os accesos ás Gándaras", explicou Rubén Arroxo.
A área de Infraestruturas está a actuar nas rúas Vagalume, Bolboreta, Paporrubio, Galo, Gaivota, Toledo, Areas, Rola, Camiño de Gustavo e Pombo, ademais dos ramais de acceso da rúa da Rola á Avenida Adolfo Suárez, Bolboreta a Monte Pía Páxaro e Adolfo Suarez á Urbanización Castro Gil. Nestas rúas aplicarase unha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, que asegurará un selado do firme ante a acción da auga e unha prolongada duración da actuación. Ademais, renovarase a sinalización horizontal, que se mellorará nos cruces complicados.
A execución desta obra foi adxudicada a Francisco Gómez y Cia SL, cun orzamento de 184.149€ e un prazo de execución de oito semanas. "Continuamos a traballar na mellora dos barrios da cidade e das zonas periurbanas, mellorando a calidade de vida das veciñas e veciños que a diario utilizan os viais", afirmou Alexandre Penas.