Como afectan as restricións da pandemia aos servizos municipais en Lugo?

LugoXa
O Concello de Lugo reformula a prestación dos seus servizos. As limitacións afectan principalmente ao eido cultural e deportivo.
edificio administrativo concello lugo
27 Xan 2021

Tralas novas restricións adoptadas para frear a propagación da covid-19, o Concello de Lugo informa que os servizos municipais se manteñen pese a que algunhas das instalacións deben permanecer pechadas. As limitacións afectan principalmente ao eido cultural e deportivo, onde foi suspendida practicamente toda a actividade.

Dende o Concello lucense lémbrase á cidadanía que as dependencias da Praza Maior e do Edificio Administrativo do Seminario continuarán abertas e que só se poderá acceder ás mesmas en horario de mañá, baixo estritos controis de acceso e aforo e logo de solicitar cita previa a través do 010 para poder acudir aos respectivos servizos.

DEPORTES

Dende a área de Deportes, infórmase de que durante as próximas semanas todas as instalacións municipais habilitadas para a práctica deportiva na cidade quedarán pechadas ao público de maneira que a súa utilización queda restrinxida exclusivamente aos usos autorizados pola Xunta, entre os que se atopan os clubs que participen en ligas federadas a nivel nacional que manteñan competicións.

BENESTAR SOCIAL

Dende a área de Benestar Social sinalan que os centros sociais continuarán pechados, como ata o de agora, para a convivencia comunitaria de maneira que seguen sen impartirse actividades grupais e/ou lúdicas. Tamén seguen pechados ao público as salas de lectura e de lecer. Porén os Centros están abertos para a atención cidadá, sempre con cita previa e preferentemente telefónica aínda que naqueles casos que sexa preciso se realizará de forma presencial.

Igualmente permanece habilitado o servizo Acompañámoste dirixido á terceira idade e aos menores en situación de vulnerabilidade a través do cal o Concello de Lugo realiza un seguemento telefónico diario e en diferentes franxas horarias, que contarán con soporte técnico para aqueles casos nos que se detectan necesidades específicas que requiran accións concretas. Unha atención que se reforzará cun servizo de acompañamento por parte de voluntarios, que estarán cos maiores cunha periodicidade mínima de dous días á semana, incluída a zona rural. Ademais de poder axudarlles nos seus recados e facilitar a compra na casa, se lles prestará asesoramento para trámites con distintas administracións e información sobre recursos dispoñibles segundo as necesidades detectadas.

En canto ao Fogar do Transeúnte, a área de Benestar traslada que mantén as súas prestacións e que se dará cobertura á demanda que poida xurdir.

MULLER, IGUALDADE E XUVENTUDE

Do mesmo xeito, a Casa da Xuventude e a Casa da Música estarán pechadas ao público aínda que se mantén a atención á mocidade de forma telefónica.

As asesorías psicolóxicas e xurídicas e a atención na Casa da Muller – considerada servizo esencial - realízanse segundo o previsto e cos mecanismos xa establecidos dende o inicio da pandemia.

MEDIO AMBIENTE

Dende a  área de Medio Ambiente trasladan que as zonas públicas da cidade, como parques e xardíns, permanecerán abertos ao uso da cidadanía aínda que instan á poboación a acatar as limitacións autonómicas en canto á súa utilización de maneira individualizada ou coa compañía dun único convivente así como a manter as pautas de hixiene e a empregar tanto á máscara como solucións hidroalcohólicas desinfectantes tralo contacto co mobiliario urbano como poden ser os elementos de xogo ou os circuítos biosaudables.

Así mesmo, as persoas que deban permanecer confinadas sesguen a dispoñer dun servizo especial de recollida de lixo a domicilio. Pode solicitarse a través da Policía Local, facilitando os datos persoais e é totalmente gratuíta.

CULTURA

Toda a actividade cultural prevista no Auditorio Municipal durante os días que duren as novas restricións será reprogramada. Unha vez se autorice a reapertura das instalacións culturais, o Concello de Lugo publicará a nova data de cada actividade.

A área de Cultura avanzará tamén nos vindeiros días a programación para un Entroido con actividades telemáticas.

A Escola Municipal de Música e as Escolas Infantís Municipais manterán a súa actividade, aplicando estritamente os protocolos elaborados para as distintas instalacións.

PARTICIPACIÓN CIDADÁ

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros adaptarán o seu horario á nova limitación de apertura deste tipo de instalacións seguindo as directrices marcadas pola Xunta. De igual xeito, omercado de Frigsa, que se adaptarase ás directrices decretadas.

0.20152711868286