Como viven as persoas sen fogar de Lugo o mal tempo?

Jessica Fernández
Lugo superou a barreira dos 100.000 habitantes, tal e como indicou o Instituto Nacional de Estatística, unha cifra que aos que nacemos e vivimos na cidade amuralla nos enche de orgullo. Pero desas persoas, son moitas son as que viven en situación de pobreza e vulnerabilidade, sen contar cun lugar ao que chamar fogar.
Ao longo do último ano 2025, o Fogar do Transeúnte atendeu a 1.531 persoas, rexistrando 5.079 pernoctacións, o que evidencia a súa función como espazo seguro e de acollida en momentos de especial dificultade. Ademais do aloxamento, o servizo municipal presta unha atención básica diaria que inclúe manutención completa. No conxunto do ano servíronse 4.739 almorzos, 5.980 xantares e 6.958 ceas, garantindo así a cobertura alimentaria ás persoas usuarias. De maneira complementaria, mantense tamén o servizo de comidas en domicilios para familias sen recursos, que permitiu atender varios fogares, cun total de 571 xantares e 1.594 ceas ao longo do ano.
Así, neste comezo de ano 2026, o Fogar do Transeúnte continúa a ser un recurso esencial para as persoas sen fogar ou en situación de vulnerabilidade, sobre todo nestes primeiros meses do ano, nos que as chuvias, os refachos de vento e o frío foron os protagonistas.

QUE PERSOAS PODEN ACUDIR AO FOGAR DO TRANSEÚNTE
O Albergue Fogar do Transeúnte do Concello de Lugo é un centro social cuxo obxectivo é procurar aloxamento de carácter temporal a persoas, en xeral, maiores de 18 anos, en situación de emerxencia social, persoas transeúntes e persoas que están sen fogar, proporcionándolles aloxamento e manutención por un período limitado de tempo.
Considérase persoa transeúnte a toda aquela que, sen estar empadroada nin ter establecida a súa residencia na cidade de Lugo, estea en situación de desarraigo e careza de recursos persoais e económicos para afrontar a súa situación, sendo o albergue un recurso temporal.
Tamén se atende a persoas sen fogar do Concello de Lugo que, por circunstancias conxunturais, se atopan sen un domicilio para vivir e sen recursos para afrontar a súa situación; así como a persoas en situación de exclusión ou emerxencia social que carezan de fogar, e persoas que sufran catástrofe persoal ou civil.
Estas persoas, no Albergue Fogar do Transeúnte municipal, poderán contar con servizos sociais de inclusión como acollida, valoración e asesoramento; aloxamento, manutención, hixiene, lavandería, consigna e enderezo postal.
O máis importante, o de aloxamento con manutención, ten como finalidade facilitar un lugar de pernocta e cubrir as necesidades de alimentación (almorzo, xantar e cea) a toda persoa que teña a condición de persoa usuaria e cumpra coas normas establecidas no presente regulamento.
Este servizo, que funciona, como regra xeral, todos os días do ano, presta os seus servizos un máximo de tres días ao mes por cada usuario, tanto para o servizo de aloxamento con manutención como para o servizo de manutención, e poderán desfrutarse en días consecutivos ou alternos.

UN SERVIZO COLABORATIVO
Este servizo municipal analiza a situación das persoas en risco de exclusión social conxuntamente coa organización humanitaria Cruz Vermella, que tamén actúa na cidade de Lugo con diversos programas de acompañamento a persoas sen fogar, sendo o principal o ‘Programa Sen Teito’, no que traballa un equipo de seis persoas formado por traballadores e educadores sociais, terapeutas ocupacionais e psicólogos. A través deste programa, no período do 1 de xaneiro ao 31 de decembro do 2025 atendeuse a 684 persoas en Lugo capital, 565 homes e 119 mulleres.
Beni Basalo e Jessica Sobrino son dous dos traballadores que saen cada 15 días a facer revisión das persoas que se atopan nas rúas de Lugo e a levarlles algo de abrigo e algo de comer, aínda que tamén se fai un acompañamento diario da situación na que se atopan estas persoas. Na sede, danse almorzos todos os días de 09.30 a 11.00 horas, así como os mércores e xoves tamén abren as súas portas de 15.30 a 17.00 horas para ser atendidas as súas necesidades. Así, compleméntanse os servizos de Cruz Vermella cos do Fogar do Transeúnte.
Porén, explican que moitas das persoas que non teñen un fogar, malviven en infravivendas, casas abandonadas “nas que calquera día pode ocorrer unha desgracia, e máis co mal tempo que estamos vivindo estes meses”, sosteñen. Así, as persoas sen fogar considéranse ‘de exclusión residencial’, tal e como dita a Tipoloxía Europea de Senfogarismo e Exclusión Residencial (ETHOS), desenvolvida pola Federación Europea de Asociacións Nacionais que Traballan con Persoas sen Fogar. Outros, os que contan con algo de diñeiro, pasan dunha pensión a outra, ou “viven no sofá dalgún amigo”. Esta situación considérase, segundo o ETHOS, unha vivenda insegura.
Por iso, as persoas sen fogar teñen máis risco de padecer enfermidades de saúde mental, como depresión e ansiedade, que é o máis común, pero esa situación de vulnerabilidade e inestabilidade, e de ansiedade por non poder saír desa situación, poden provocar outros problemas de saúde mental máis agudos; engadindo, ademais, o consumo de drogas. Tal e como explican os traballadores e educadores sociais, “hai unha porcentaxe alta de persoas que chegan a ter certas adiccións por culpa desta situación, xa que ninguén te dá traballo, non tes ingresos... a situación de rúa acelera que consumas máis porque é unha vía de escape para non pensar na túa situación, e iso, á súa vez, xera que a túa saúde mental se deteriore rápido”, explica Beni.

A TIPOLOXÍA DA PERSOA SEN FOGAR
Desde a Cruz Vermella, sosteñen que non hai un prototipo de persoa que acaba na rúa, é máis, defenden que “calquera pode acabar nesta situación”, é cuestión, explican “de tomar unha serie de malas decisións e veste vivindo entre cartóns”. Este argumento é compartido polas persoas sen teito ás que entrevistamos. Un rapaz de 28 anos que leva un ano vivindo na rúa sostivo que “eu era un rapaz normal, cunha boa familia, sempre dispuxen do diñeiro que quixen e fun a bos colexios, pero xunteime coa xente que non debía e perdín o traballo, o que fixo que tomara peores decisións, e agora estou aquí. Espero poder saír desta situación”. El comparte a vida agora con outros dous rapaces que tamén viven na rúa, un de 18 anos e outro de mediana idade, entre os 40 e os 50 anos, que explicou que foi “futbolista e militar, e agora levo 5 meses vivindo na rúa”. Cunha nena pequena, di que “as malas decisións foron o que me levaron aquí, só teño eu a culpa, pero teño que loitar por saír desta”, comenta.
Cabe destacar que estes tres rapaces son de orixe española, xa que os traballadores e educadores sociais que se ocupan deles sosteñen que na sociedade hai moito estigma coas persoas sen fogar, xa que “moitos pensan que as persoas sen fogar son persoas de fóra, estranxeiras, que veñen aquí roubar e ás que ter medo; e realmente mañá pode ser o teu veciño ou ti mesmo. Chegar a non vivir na rúa non é tan difícil como a xente pensa. Incluso, moléstanlle. Algunha vez, nun destes percorridos, tennos dito: <<Sácamo de aquí>>, e fannos a nós responsables de que persoas ocupen a vía pública para poder durmir, cando ademais iso non é o noso labor, senón o de axudar para que se poidan reintegrar na sociedade”, defende Jessica.
Por outro lado, si que é certo que os datos amosan unha gran porcentaxe de homes sobre mulleres, que varían nas idades, desde os 18 ata os 90 anos, e tanto de orixe nacional como inmigrantes. Tanto Beni como Jessica, cunha experiencia de case 10 anos no programa ‘Sen teito’, defenden que “máis homes adoitan chegar a esta situación porque non piden axuda. As mulleres tecen máis redes entre elas e axúdanse ou polo menos son capaces de pedir axuda, pero os homes están mal e non din nada ata que é demasiado tarde. Todo isto forma parte da cultura machista que temos, e que debería cambiar. Moitos homes pensan que o feminismo é unha corrente que lles prexudica, pero en verdade o machismo tamén lles fai mal a eles porque sempre teñen que ser os fortes e aparentar que todo está ben, e pedir axuda non é de débiles nin de vulnerables, senón de valentes”. E sosteñen que hai “moito machismo” nas persoas sen fogar, tanto nos homes como nas mulleres. “As mulleres sen fogar moitas veces veñen de casas nas que o maltrato estaba normalizado, entón cústalles moito cambiar o ‘chip’ e só fan caso aos homes. Beni é o xefe tanto para elas como para eles”, confesa Jessica.
A situación das persoas sen fogar non só afecta ás persoas que sofren o feito de non ter unha vivenda na que facer a súa vida, senón tamén aos traballadores que se ocupan de axudalos a poder saír desta situación e a toda a sociedade. Tanto Beni como Jessica recoñecen que “é moi frustrante e hai unha alta porcentaxe de baixas por depresión e ansiedade no noso sector”, xa que “axudas a alguén e ves un progreso, confías en que consiga un traballo e consiga unha situación de vivenda normalizada, e de súpeto, volve caer na mesma dinámica”. Por iso, é un traballo de resiliencia por parte dos traballadores, que non se dan por vencidos e volven intentar que as persoas sen fogar consigan afastarse das súas adiccións e de persoas tóxicas, fagan caso aos consellos dos profesionais e loiten por volver a levar unha vida normalizada cun traballo, unha vivenda e poder recuperar a súa familia.