Completada a renovación de dous novos tramos LU-P-1611 en Begonte e Castro de Rei

LugoXa | TerraChaXa
A Deputación de Lugo leva investidos arredor de 3,7 millóns de euros na renovación de case 37 quilómetros no cinto comarcal polos concellos de Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Lugo, Guntín, Friol, O Corgo e Begonte
obras-LU-P-1611
Obras na LU-P-1611
7 Aug 2025

A Deputación de Lugo está a completar esta semana os traballos de aglomerado en dous tramos da estrada LU-P-1611, que forma parte do cinto comarcal, ao seu paso polos concellos de Begonte e Castro de Rei.

En total, o organismo provincial destina máis de 375.000 euros para acondicionar case dous quilómetros á altura da parroquia de Felmil, en Begonte –entre os puntos quilométricos 71,700 e 73,165–, así como outro treito de algo máis de tres quilómetros –do 78,620 ao 81,800– na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei.

As obras, executadas pola empresa Cholo SL, incluíron a mellora da drenaxe e o fresado do firme. Unha vez rematado o estendido do novo aglomerado en quente, completarase a actuación coa reposición da sinalización.

Esta intervención, como todas as que se están realizando no cinto comarcal, é clave para a mobilidade na provincia. A LU-P-1611 é unha vía fundamental que conecta directamente 12 concellos e se enlaza con importantes estradas autonómicas e nacionais como a A-6, A-54, N-VI e N-540. De feito, nos últimos dous anos a Deputación impulsou nove proxectos para mellorar esta estrada, dous deles aínda en fase de contratación, renovando así máis do 28% do seu trazado. Con 131 quilómetros, é a vía máis longa da provincia.

Desde o ano 2023, a institución provincial leva investidos arredor de 3,7 millóns de euros na mellora de preto de 37 quilómetros deste cinto comarcal, actuando en municipios como Pol, Castroverde, Cospeito, Castro de Rei, Lugo, Guntín, Friol, O Corgo e Begonte.

⚙ Configurar cookies
0.5443160533905